Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O alumnado...


O alumnado amesán tende un cento de poemas ao sol para celebrar as Letras Galegas

[14-05-2018] O alumnado e o profesorado dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria de Ames tenderon, ao longo desta semana, un cento de poemas en diferentes puntos do noso concello: no paseo fluvial de Bertamiráns, na Travesía do Porto no Milladoiro e no Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte. Os poemas, plasmados tanto en siluetas de pezas de roupa como de paxaros feitos con lona, son todos de escritoras e escritores en lingua galega. Esta exposición artístico-poética, que se encadra dentro da programación municipal das Letras Galegas 2018, poderá verse ao ar libre ata o vindeiro 3 de xuño.


As veciñas e veciños de Ames que estes días pasen polo paseo fluvial de Bertamiráns, pola Travesía do Porto no Milladoiro ou polo Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte, poderán ver os poemas que o alumnado amesán vén de tender ao sol para celebrar as Letras Galegas. Neste proxecto, denominado Tendal de Poemas, participa o CEIP de Barouta, da Maía e de Agro do Muíño, o CEP de Ventín, a EEI do Milladoiro e as escolas unitarias de Covas e Ortoño.

O Tendal de Poemas está constituído, desta maneira, por un cento de poemas en lingua galega plasmados en siluetas de diferentes pezas de roupa feitas en lona. Así mesmo, como novidade deste ano, o alumnado do CEIP A Maía e da EEI do Milladoiro trocou a roupa por paxaros, renomeando o proxecto Rechouchíos Poéticos. En todos os casos, a selección dos versos e o deseño das pezas e dos paxaros foi un traballo realizado polo propio alumnado.

No tocante á localización dos poemas, cómpre dicir que o alumnado do CEIP Agro do Muíño, do CEIP A Maía e das escolas unitarias de Ortoño e Covas tenderon os seus traballos no paseo fluvial de Bertamiráns, mentres que as nenas e nenos do CEIP de Barouta colocáronos nos tendais do monte escolar de Carballo, ao lado do Camiño de Fisterra. As cativas e cativos da EEI do Milladoiro tenderon os seus poemas no Camiño de Santiago, ao seu paso pola Travesía do Porto.

A iniciativa, que se encadra dentro da programación municipal das Letras Galegas 2018, está organizada e coordinada polos ENDLG dos centros de ensino participantes, pola Aula da Natureza e polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Dita actividade busca dinamizar o uso do galego entre a rapazada de Infantil e Primaria e entre toda a veciñanza amesá en xeral. Da mesma maneira, tamén se atopan entre os seus obxectivos o fomento da creatividade en lingua galega, así como o achegamento, a difusión e a visibilización da poesía no noso idioma. A sensibilización sobre o respecto e o coidado do medio e do noso patrimonio natural e cultural é outro dos eixos chaves desta iniciativa. O Tendal de Poemas poderase ver ao ar libre ata o vindeiro 3 de xuño. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925