Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Asociación...


A Asociación Fútbol Base Santiago e Comarca organiza a Copa Camiños de Compostela

[16-04-2018] A delegación en Santiago da Federación Galega de Fútbol, situada no estadio de San Lázaro, acolleu esta mañá a presentación do I Torneo Internacional de Fútbol Base Copa Camiños de Compostela, que organiza a Asociación Fútbol Base Santiago e Comarca (AFBSC).


Á rolda de prensa asistiron o presidente da AFBSC, Vicente González; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; e representantes de cinco dos seis concellos nos que se celebrará a competición. Así, estiveron presentes José Miñones, alcalde de Ames; Noa Morales, concelleira de Deportes de Santiago; Carlos Martínez, alcalde de Vedra; Ramón Tojo, alcalde de Rois; e Jorge Carballido, concelleiro de Deportes de Teo.

Vicente González explicou durante a súa intervención a historia da AFBSC, que naceu hai case un ano froito das inquedanzas dun grupo de clubes da comarca dispostos a traballar conxuntamente polo ben do fútbol base. “Nos últimos anos asistimos atónitos a unha pertinaz mala praxe no fútbol base modesto a hora de recrutar nenos, priorizando o aspecto competitivo sobre o educativo. Iso levounos a unha serie de clubs que manifestabamos a mesma problemática a dar un golpe sobre a mesa”, sinalou.

González tamén apuntou os obxectivos da entidade, que pasan por fomentar as boas relacións entre os clubes e “acabar con este modus operandi de moitos deles que consiste en quitarse xogadores en idade de formación case en cadea co único pretexto de gañar partidos” esquecendo o fomento de valores como o compañeirismo ou a solidaridade.

Actualmente, forman parte da AFBSC os clubes: Milladoiro SD, Atlético Fátima, Amio SD, Calo SR, CD Rois, Escola Deportiva Santiago, Villestro SD, SD Compostela, Praíña Sporting Club, Cacheiras SD, SD A Baña, AD Burgo das Nacións, CD Belvís, Rácing San Lorenzo, UD Vista Alegre e CD San Mamed.

Torneo
Unha das primeiras propostas levadas a cabo pola AFBSC foi a organización da Copa Camiños de Compostela, que aspira a se converter nun referente do fútbol base galego e na que se premiarán non só os resultados senón tamén o comportamento e as conductas deportivas dos equipos participantes.

O torneo celebrarase entre o 4 e o 24 de xuño e rexirase polas normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol. Haberá tres modalidades de xogo: fútbol 11 masculino, fútbol 7 feminino e fútbol 8. Na primeira, disputaranse as categorías xuvenil, cadete e infantil. Na modalidade de fútbol 7 feminino, as rapazas inscritas competirán na categoría sénior. Por último, a modalidade de fútbol 8 incluirá as categorías prebenxamín, benxamín e alevín. A duración dos partidos variará en función da modalidade. No caso do fútbol 11, cada partido terá dous tempos de 35 minutos, mentres que no de fútbol 7 e fútbol 8, os partidos serán de dous tempos, de 20 minutos cada un.

Na Fase Previa (do 4 ao 15 de xuño), os equipos dividiranse en grupos de 4. Nesta primeira fase enfrontaranse nunha liga a unha soa volta. Na segunda Fase Final (do 16 ao 22 de xuño), o 1º e 2º de cada grupo clasificaranse para o Título, e o 3º e 4º de cada grupo xogarán para a Consolación. Esta segunda fase desenvolverase polo sistema de eliminación directa (copa). Por cada partido gañado os equipos obterán 3 puntos, un 1 no caso de empate e 0 se perderen o encontro.

As finais (días 23 e 24 de xuño) desenvolveranse en Santiago de Compostela, nos estadios de Santa Isabel e San Lázaro. As competicións da Fase Previa xogaranse por proximidade nas localidades que colaboran co Torneo: Ames, Santiago, Teo, Rois, Vedra e A Baña.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925