Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Máis de 350...


Máis de 350 ciclistas participarán este domingo na última proba do circuíto Transgalaica 2018

[13-04-2018] A cuarta e última proba do circuíto Transgalaica 2018 celebrarase este domingo, 15 de abril, no concello de Ames. A única etapa que transcorre na provincia da Coruña (as tres restantes desenvólvense por diferentes concellos da provincia de Pontevedra) é posible grazas á iniciativa do Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, que conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta proba ía realizarse o pasado 11 de marzo, pero tivo que aprazarse debido as condicións meteorolóxicas. Para esta proba hai inscritos/as máis de 350 ciclistas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga.

O Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, xunto co Concello de Ames, organizan por terceiro ano consecutivo unha proba da Transgalaica. Esta proba, pertencente á modalidade de ciclismo de montaña XC-maratón, discorre por un circuíto de 33 quilómetros. Existen dúas opcións para participar. As persoas que compiten terán que dar dúas voltas ao circuíto de 33 quilómetros, completando un total de 66, mentres que se inscriban na opción de cicloturistas, tan so terán que dar unha volta ao circuíto. Para disputar esta proba hai inscritos un total de 366 ciclistas.

Esta proba discorre por Covas, Ventosa, monte de San Marcos, pasa ao carón do rego de Riamonte, sube ata o alto de Liñaredo, continúa pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai Seares de Arriba a Lens, pasando pola baixada de Pegariños, Caroubáns, ata que chega de novo ao Pazo da Peregrina. Poderán participar todos os corredores con licenza en vigor da tempada 2018 e aqueles que tramiten licenza de 1 día (o custo da licenza de 1 día é de 10 euros e só se poderá tramitar ata 48 horas antes da proba). As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e Open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).

A proba comeza ás 9:30 horas
O inicio da proba está programado para as 9:30 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 35 primeiros postos polas 35 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 50 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:30 horas.

Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os participantes que non pasen por el antes de 2h15' deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto. A primeira proba da Transgalaica 2018 tivo lugar o pasado 25 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. Esta proba ía realizarse o pasado 11 de marzo, pero tivo que aprazarse debido as condicións meteorolóxicas. Debido a iso, este ano, o concello de Ames, pecha o circuíto Transgalaica 2018, despois de que xa se disputaran as probas de Cerdedo-Cotobade, Vigo, e da Estrada.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925