Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames conmemorará a Semana do Libro entre o 16 e o 21 de abril

[14-04-2018] A Semana do Libro celebrarase en Ames entre o 16 e o 21 de abril cunha ampla programación de actividades: sesións de contacontos, presentacións de libros e obradoiros creativos para crianzas. O acto central das celebracións terá lugar o sábado 21, na praza do Concello de Bertamiráns, co desenvolvemento da iniciativa “Literatura na Praza”. A xornada, que dará inicio ás 17:00 horas, incluirá propostas para todas as idades. Haberá exposición, venda e presentación de libros, entre eles o do XIV Certame Literario Concello de Ames, un obradoiro e varios espectáculos musicais e poéticos.

O Concello de Ames celebrará a Semana do Libro entre o luns 16 e o sábado 21 de abril, cunha programación cargada de actividades. A primeira destas iniciativas terá lugar o luns no local social de Augapesada onde, a partir das 18:15h, haberá unha sesión de contacontos centrada na obra Un rato na casa. No día a seguir, no mesmo horario, os contos trasladaranse ao local social de Bugallido, coa lectura do libro Herbalúa.

Para o martes tamén está prevista a presentación do libro O valo, de Carlos Labraña, que se realizará na biblioteca do Milladoiro, ás 18:00 horas. Neste espazo, o mércores terá lugar unha sesión de contacontos, a partir das 17:00h, que se repetirá o xoves na biblioteca de Bertamiráns á mesma hora. Estas sesións de contos preséntanse baixo o título Todos a cantar!

O obradoiro creativo Construíndo o noso libro ilustrado desenvolverase o venres, na biblioteca do Milladoiro ás 17:30h, e o sábado na biblioteca de Bertamiráns ás 11:30h. Para participar nesta actividade, que está dirixida a crianzas que se atopen entre o segundo e o sexto curso de educación primaria, será preciso inscribirse previamente entre o 9 e o 17 de abril nas propias bibliotecas.

Literatura na Praza
O acto central da Semana do Libro de Ames celebrarase o sábado na praza do Concello de Bertamiráns, entre as 17:00h e as 20:30 horas. Ao longo da tarde, haberá exposición e venda de libros e de xogos de mesa da man de Follas Novas, Alita Cómics e Brazolinda. Así mesmo, tamén haberá un “Recuncho do libro”, onde se poderá ver unha mostra bibliográfica do día do libro, das letras, banda deseñada...

Ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro “Reciclando Letras” e a presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XIV Certame Literario Concello de Ames. Posteriormente, ás 18:00 horas desenvolverase o contacontos teatralizado Chocolate, que correrá a cargo da compañía Teatro Calavera. Á mesma hora comezará o espectáculo poético musical Cría fama e bótate a correr de Aldaolado. Así mesmo, tamén ás 18:00h, realizarase a presentación do libro Pon un psiquiatra na túa vida e xa verás, da autora Úrsula Heinze.

Por último, ás 19:00 horas, presentarase o libro Os fíos de infantil de Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca. A xornada finalizará, asemade, co espectáculo de música Pakolas, contos, cores e Rock `n `Roll, no que se crearán en directo debuxos con cores que acompañarán as cancións. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925