Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A escola infantil...


A escola infantil municipal A Madalena celebrou o mes dos oficios con varias visitas de profesionais

[14-04-2018] O alumnado, entre os 2 e os 3 anos, da escola infantil municipal A Madalena estivo a traballar nas últimas semanas arredor dos oficios; unha unidade didáctica que levou a profesionais de distintos eidos (algúns deles mamás e papás das crianzas da escola) ata a EIM, co obxectivo de ensinarlles ás nenas e nenos o día a día dos seus traballos. Desta maneira, ao longo das últimas semanas, o alumnado da Madalena recibiu a visita dunha patrulla da Policía Local de Ames, de membros da agrupación de Protección Civil acompañados do GES de Brión, dunha técnico de laboratorio, dun xogador de squash, dun camioneiro e dun panadeiro. Así mesmo, as cativas e cativos da escola tamén coñeceron de primeira man a oficina de Correos do Milladoiro, así como o traballo que desempeñan a diario as carteiras e os carteiros.


As aulas do alumando de de 2 a 3 anos da escola infantil A Madalena estiveron centradas, durante o mes de marzo e a primeira semana de abril, nos oficios. Deste xeito, ao longo deste tempo, o alumnado traballou acerca desta unidade didáctica, dentro da cal se encadraron unha serie de visitas de profesionais, que buscaron achegar algúns dos oficios ás cativas e aos cativos.

A primeira das visitas tivo lugar da man dos axentes da Policía Local de Ames, que trouxeron un dos seus coches, no que as nenas e os nenos se puideron montar. A segunda das visitas foi a dos membros da agrupación de Protección Civil de Ames, que estiveron acompañados polo GES de Brión. Estes, alén de traer un camión de bombeiros, tamén trouxeron un niño de avespa velutina.

Uns días despois, as nenas e nenos da escola visitaron a oficina de Correos do Milladoiro. Alí enviaron unha carta, que lles chegou á casa posteriormente. No tocante, ás visitas realizadas por familiares das crianzas, a primeira delas foi a dunha nai que exerce como técnico de laboratorio. Con ela, as nenas e nenos aprenderon a facer divertidos experimentos, inchando globos con botellas que contiñan vinagre e bicarbonato e xogando coa presión da auga para facer subir líquidos. Nesta visita, as nenas e nenos fixeron, asemade, unha lámpada de lava a partir unicamente dun vaso boca abaixo, de aceite, auga e dun paracetamol efervescente.

O pai doutra das nenas, que é camioneiro, acudiu á escola para contarlles tamén como era o seu oficio. Axudadas por un vídeo, as crianzas aprenderon moitas cousas deste traballo. Nestas visitas, que se encadraron nesta unidade didáctica dos oficios, tamén participou o campión absoluto de squash de España, Borja Golán, papá dunha das alumnas da escola. Durante a súa visita, Golán deixou ás cativas e aos cativos varias das súas raquetas, para que puidesen brincar con elas e tornarse, por unhas horas, verdadeiros xogadores de squash. Para rematar, o alumnado da EIM A Madalena experimentou o oficio de panadeiro, xunto co avó dun dos nenos. Con el, as nenas e nenos fixeron bolos de pan que puideron levar para as súas casas. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925