Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula CeMIT estrea a...


A Aula CeMIT estrea a súa programación para os meses de marzo e abril coa realización dun curso de busca de emprego na rede

[06-03-2018] A Aula CeMIT de Bertamiráns contará cunha vintena de actividades ao longo dos meses de marzo e abril, dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas. Deste xeito, a programación para os próximos meses inclúe, alén do desenvolvemento de cursos e ciclos formativos, a realización de varias charlas informativas, de exames EMA de teleformación e de diferentes obradoiros para nenas e nenos durante as vacacións escolares de Semana Santa. A programación estrease hoxe coa realización dun curso de busca de emprego na rede. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.


A Aula CeMIT de Bertamiráns desenvolverá ao longo dos meses de marzo e abril unha serie de cursos dirixidos a un público adulto. A primeira das actividades encadradas dentro desta nova programación foi o obradoiro Busca de emprego a través da internet, que se desenvolveu hoxe, entre as 10:00h e as 11:30 horas. A finalidade desta formación foi introducir ás persoas participantes na busca de emprego a través das principais ferramentas e técnicas da rede.

O segundo dos cursos para adultos será o de Crea o teu blog, que estará centrado na plataforma Blogger e que abordará os procesos de creación, modificación e deseño dun blog. Esta formación comezará o vindeiro martes, 13 de marzo, e desenvolverase ata o próximo día 22, os martes e os xoves, en horario de 10:00h a 11:30 horas.

O curso Traballando na Nube, no que as persoas participantes aprenderán a usar este dispositivo de creación e partilla de calquera tipo de documento, terá lugar entre o 10 e o 26 de abril. O curso, que se desenvolverá os martes e os xoves en horario de 10:00h a 11:30 horas, estará enfocado á aprendizaxe do funcionamento do Google Drive ao tempo que ofrece outras alternativas.

Posteriormente, entre o 11 de abril e o 2 de maio está prevista a realización do curso Edición de Imaxes con Gimp, que se impartirá os mércores de 10:00h a 11:30 horas. A formación ten como obxectivo iniciar ás persoas participantes na edición e manipulación de imaxes co programa GIMP, a alternativa gratuíta máis coñecida ao Photoshop.

Aprender a usar o teu smartphone será o último dos cursos organizado pola Aula CeMIT para persoas adultas. A finalidade desta formación é a de ensinar ás persoas asistentes o manexo do sistema e das aplicacións máis básicas do smartphone. O curso celebrarase entre o 16 e o 25 de abril, os luns e os mércores, de 18:15h a 19:45 horas.

Ciclo de Ofimática
O Ciclo de Ofimática está conformado por cinco cursos indicados tanto para aquelas persoas que desexen presentarse ao exame CODIX como para aquelas outras que estean interesadas en aprender ofimática desde o nivel máis básico. Os dous primeiros cursos estiveron centrados no procesador de textos LibreOffice Writer e desenvolvéronse ao longo do mes de febreiro. En marzo e abril terán lugar os outros tres restantes.

O curso de Follas de cálculo con LibreOffice Calc I terá lugar entre o 5 e o 14 de marzo, mentres que a segunda parte, Follas de cálculo con LibreOffice Calc II, realizarase entre o 19 e o 28 dese mes. O último dos cursos do ciclo, o de Presentación con LibreOffice Impress, desenvolverase entre o 2 e o 11 de abril. Estas formacións terán lugar os luns e os mércores, en horario de 18:15h a 19:45 horas. A matrícula é individual, polo que non é obrigatorio realizar o ciclo completo.

Ciclo de Apps no móbil
Este pequeno ciclo estará dedicado a dominar as principais aplicacións do móbil. O ciclo estará conformado por dous cursos: Manexa as apps do teu móbil, que terá lugar do 7 ao 21 de marzo; e O correo electrónico: web e smartphone, que se desenvolverá do 2 ao 4 de abril.

A primeira das formacións estará destinada á aprendizaxe da funcionalidade e uso de aplicacións como o calendario, as alarmas do reloxo, a galería de imaxes, o Whatsapp, o navegador web, o Youtube, o Google Maps, así como moitas outras que xa veñen preinstaladas nos teléfonos móbiles. O curso de correo electrónico abordará o uso do correo tanto no computador como no móbil, analizando as súas semellanzas e diferenzas. Ambos os cursos celebraranse os luns e os mércores, de 10:00h a 11:30 horas.

Cursos para a mocidade

O curso Informática para nenas e nenos terá lugar entre o 8 de marzo e o 12 de abril, os xoves de 18:15h a 19:45 horas, co obxectivo de introducir ás crianzas na informática. Ademais, a Aula CeMIT de Bertamiráns tamén ten programados dous cursos de mecanografía. O curso Mecanografía para menores de 10 anos realizarase entre o 6 de marzo e o 10 de abril, os martes, das 18:15h ás 19:00 horas. Pola súa banda, o curso Mecanografía para maiores de 10 anos desenvolverase nas mesmas datas, en horario de 19:00 a 19:45 horas. Por último, a formación Writer para estudantes celebrarase os luns e os mércores, en horario de 18:15h a 19:45 horas, do 17 ao 26 de abril. Este curso introducirá ás mozas e mozos no procesador de textos, unha ferramenta básica para os seus traballos escolares. As nenas e nenos que se queiran inscribir nalgún destes cursos deberán estar rexistrado previamente na aula CeMIT.

Microtalleres de Semana Santa
Ao longo das vacacións escolares de Semana Santa, a aula CeMIT de Bertamiráns realizará tres cursos dirixidos ás cativas e cativos de Ames. O luns, 26 de marzo, en horario de 10:00h a 12:00 horas, terá lugar o obradoiro Aprende a dominar o rato e o teclado, que estará dirixido a nenas e nenos menores de 8 anos con poucas nocións de informática. Neste taller, as crianzas participantes practicarán o uso do rato e do teclado a través de xogos e actividades creativas.

Alén diso, as mozas e mozos interesados poderán realizar tamén durante estas datas un curso de Programación con Scratch. O primeiro destes obradoiros realizarase o martes, 27 de marzo, de 10:00h a 12:00 horas. O segundo dos cursos terá lugar o mércores, 28 de marzo, no mesmo horario. Estes talleres estarán dirixidos a rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos con nocións de informática.

Ademais, o martes 27 de marzo, entre as 17:00h e as 19:00 horas, realizarase o obradoiro Edición de imaxes para adolescentes. Indicado para rapazas e rapaces entre os 12 e os 16 anos con nocións de informática, o taller estará orientado á práctica de técnicas básicas de edición de imaxes tanto en programas na nube como en programas instalables, todos eles gratuítos.

Charlas informativas e exames EMA
A Aula CeMIT continuará a organizar, ao longo dos meses de marzo e abril, unha videoconferencia ao mes emitida desde a Escola Galego de Consumo. O 5 de marzo a charla versará acerca dos dereitos existentes en relación aos talleres de reparación de vehículos. A palestra do 9 de abril tratará sobre o aluguer de vivenda. Estas videoconferencias desenvólvense sempre entre as 11:00h e as 12:30 horas.

De igual maneira, o luns 19 de marzo, a Aula CeMit emitirá unha videoconferencia desde a Universidade Sénior da Coruña acerca da plataforma E-saúde do Sergas; unha aplicación informática para a comunicación coa cidadanía, accesible desde calquera dispositivo e que permite acceder a contidos e servizos de saúde personalizados.

Ademais, en colaboración co canal Sénior, a Aula CeMIT comezará a retransmitir unha serie de charlas dirixidas á poboación maior de 50 anos e enfocadas a temas de saúde e tecnoloxía. Así, a primeira das charlas levará o nome “Recursos para combater a soidade, participa en grupos do teu interese a través de asociacións, grupos de voluntariado ou redes sociais” e terá lugar o xoves, 8 de marzo, entre as 10:30h e as 12:00 horas. A segunda das charlas desenvolverase o venres, 9 de marzo, no mesmo horario, e tratará sobre o viño e sobre as mellores aplicacións para coñecer rutas enolóxicas.

A terceira das palestras virtuais será a titulada “Historia de España a través da Internet, recursos online para descubrir outras culturas”, que será retransmitida o venres, 16 de marzo. Por último, o venres 23 de marzo desenvolverase a videoconferencia “Musicoterapia para mellorar o teu estado de ánimo, recursos online gratuítos para escoitar música a túa medida”. Ambas as charlas emitiranse entre as 10:30h e as 12:00 horas.

No que ao exame EMA se refire, as persoas interesadas en realizalo terán unha convocatoria por mes: o 16 de marzo e o 13 de abril. Os exames realizaranse entre as 12:00h e as 13:30 horas. Esta proba é precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925