Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os pasos de...


Os pasos de peóns de Ames xa locen versos de Rosalía de Castro

[21-02-2018] O Concello de Ames volve homenaxear a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento coa realización dunha serie de actividades, dirixidas a promover a difusión da obra e do pensamento rosaliano entre a veciñanza. Baixo o nome Ames con Rosalía, a programación inclúe diferentes iniciativas como o Café con verso ou os Escaparates de Rosalía. Outra das iniciativas do programa é Paseando con Rosalía, que busca levar algúns dos versos máis coñecidos da autora ás rúas, nomeadamente aos pasos de peóns. Desde este martes, versos como Canta, se queres, na lingua que eu falo ou Unha vez tiven un cravo cravado no corazón xa poden ser lidos polas veciñas e veciños do concello antes de atravesaren as rúas.


O nacemento de Rosalía de Castro está a ser conmemorado en Ames cunha programación variada e participativa dirixida e deseñada para a e coa veciñanza. Dita programación, que se presenta baixo o nome Ames con Rosalía, ten como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade da autora. Así mesmo, a programación tamén busca destacar o vínculo entre o Concello de Ames e Rosalía, así como promover o comercio e a hostalaría amesá e socializar entre a veciñanza a figura da autora. Desde o pasado 6 de febreiro, o balcón lateral da Casa do Concello acolle unha lona conmemorativa na que aparece o verso No sembrante a alegría, no corazón o esforzo, xunto cun retrato de Rosalía. 

Ademais, desde este martes, algúns dos pasos de peóns do Milladoiro e Bertamiráns locen varios dos versos máis coñecidos da autora. En Bertamiráns, estes pasos de peóns atópanse nas rúas Travesía de Xosé Luis Azcárraga (diante do Pazo da Peregrina), do Ameneiral, de Entrerríos, da Peregrina e de Chavián. No Milladoiro, os versos de Rosalía poderanse ver, ao longo desta semana, nalgúns dos pasos de peóns das rúas Travesía do Porto, da Raxoeira, do Rego, do Agro do Medio, de Abaixo e das Camelias. A iniciativa, que se presenta baixo o nome Paseando con Rosalía, inclúe versos tan soados como Canta, se queres, na lingua que eu faloNegra sombra que me asombras; ou Airiños, airiños, aires, airiños da miña terra. Así mesmo, entre a escolma de textos tamén aparece o famoso verso Na fronte unha estrela no bico un cantar, que Manuel Curros Enrríquez incluíu no seu poema homenaxe A Rosalía. 

Escaparates con Rosalía, Rosalía tamén vive aquí 
e Café con Verso 
O legado rosaliano tamén estará presente ao longo destes días nos escaparates dos establecementos do concello grazas á iniciativa Escaparates de Rosalía, cuxa selección de textos correu a cargo de Dolores Vilavedra Fernández, unha das máis prestixiosas estudosas da obra rosaliana e veciña de Ames. Alén diso, os centros de ensino do concello tamén están a levar a cabo iniciativas que, como as anteriores, buscan socializar a figura de Castro entre a veciñanza. A iniciativa Rosalía tamén vive aquí, que parte do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola de Educación Infantil do Milladoiro, pretende levar a imaxe e os versos da autora homenaxeada ata os portais de todas as nenas e nenos do concello. 

Así mesmo, a partir deste venres, 23 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. O poeta amesán Carlos Negro foi o encargado de seleccionar os textos que conforman esta iniciativa de nome Café con Verso. A iniciativa, que se desenvolve colaborativamente entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, acada este ano a súa segunda edición. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.

Homenaxe poética musical a Rosalía de Castro
O sábado, 24 de febreiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partir das 19:00 horas, unha homenaxe poética musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical do Sonia Lebedynski Trío. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925