Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames preparou unha...


Ames preparou unha ampla, variada e participativa programación para conmemorar o día de Rosalía

[16-02-2018] O Concello de Ames volverá render homenaxe a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, desenvolvendo unha serie de iniciativas agrupadas na programación Ames con Rosalía. O propio 24 de febreiro, efeméride do nacemento do autora, realizarase un acto homenaxe que contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación de Sonia Lebedynski. Alén diso, a programación tamén engloba diferentes iniciativas como o Café con verso ou os Escaparates de Rosalía, no eido da hostalaría e do comercio, Rosalía tamén vive aquí, no ámbito educativo ou Viaxando con Rosalía, unha excursión poética á casa de Rosalía coa escritora María López Sández, encargada de achegarnos a figura e a obra rosaliana nesta viaxe. Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, as diferentes actividades programadas teñen como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano entre a veciñanza do concello.

O nacemento de Rosalía de Castro será conmemorado en Ames cunha programación variada e participativa dirixida e deseñada para e coa veciñanza. A programación, que pretende difundir entre a figura de Rosalía, conta coa colaboración dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino municipais, de diversas asociacións do concello, da hostalaría e do pequeno comercio.

O obxectivo principal de Ames con Rosalía é o de difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro. Así mesmo, a programación busca valorizar e destacar o vínculo entre o Concello de Ames e a escritora, así como promover o comercio e a hostalaría amesá e socializar entre a veciñanza do concello a figura da autora. Neste sentido, desde o pasado 6 de febreiro, o balcón lateral da Casa do Concello acolle unha lona conmemorativa na que aparece o verso No sembrante a alegría, no corazón o esforzo, acompañado dun retrato da autora.

Café con verso
A partir do 23 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. Os locais de hostalaría do concello que entregarán, xunto ao café, unhas tarxetas con versos rosalianos previamente escollidos polo poeta amesán Carlos Negro. A iniciativa, que se desenvolve colaborativamente entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, acada este ano a súa segunda edición. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.

Escaparates de Rosalía
A obra de Rosalía estará, desde o 23 de febreiro e unha vez máis, presente nos comercios amesáns grazas á iniciativa Escaparates de Rosalía. Os escaparates dos establecementos amesáns lucirán unha selección de textos de Rosalía de Castro realizada por Dolores Vilavedra Fernández, unha das máis prestixiosas estudosas da obra rosaliana e veciña de Ames. Este ano, reutilizarase o material distribuído en edicións anteriores. Porén, os establecementos que participen por vez primeira nesta iniciativa poderán solicitar o material necesario enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Rosalía tamén vive aquí e Paseando con Rosalía
Os centros de ensino amesáns, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, van levar adiante unha iniciativa que, como as anteriores, procura socializar a figura de Rosalía de Castro entre a veciñanza. A iniciativa Rosalía tamén vive aquí, que parte do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola de Educación Infantil do Milladoiro, pretende levar a imaxe e os versos da autora homenaxeada ata os portais das nenas e nenos do concello. Ao longo deste mes, tamén se desenvolverá a iniciativa Paseando con Rosalía, coa que algúns dos pasos de peóns do Milladoiro e Bertamiráns lucirán versos da autora. 


Homenaxe poética musical a Rosalía de Castro
O sábado, 24 de febreiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, a partir das 19:00 horas, unha homenaxe poética musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical do Sonia Lebedynski Trío. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.


Viaxando con Rosalía
O sábado, 10 de marzo, realizarase unha excursión poética que incluirá unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitarán Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Así mesmo, a excursión tamén incluirá unha visita a Iria Flavia e á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como "Casa da Matanza". Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, achegaranos á vida da homenaxeada e á súa obra.

O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 1 e o 8 de marzo. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas no Milladoiro e ás 10:15h en Bertamiráns.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925