Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Está aberto o...


Está aberto o prazo para inscribirse no curso de monitora e monitor de tempo libre organizado pola OMIX

[15-02-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta novamente o curso de monitora e monitor de tempo libre, que está homologado pola Xunta de Galicia. O curso, que se impartirá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desenvolverase ao longo das fins de semana de marzo, abril e maio, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas. Dirixido a persoas maiores de idade en posesión do título de graduada en educación secundaria ou equivalente, o curso conta con 20 prazas dispoñibles que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prezo do curso é de 172 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e a ficha de inscrición.

O curso, que ten unha duración de 350 horas, ofrecerá unha formación dividida en dous bloques: un primeiro de carácter teórico-práctico de 200 horas e un segundo integramente práctico de 150h. O primeiro desenvolverase, en horario de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:00 horas, ao longo de 21 xornadas nas fins de semana. Neste bloque, o alumnado non deberá superar as 40 horas de ausencia, polo que deberá asistir obrigatoriamente ao 80% do horario lectivo. As faltas de asistencia que superen esta cifra implicarán un suspenso na parte teórico-práctica e, polo tanto, a imposibilidade de completar a formación.

Os contidos deste primeiro bloque teórico-práctico estarán relacionados con diferentes disciplinas tais como a animación deportiva, o xogo, a psicoloxía, a educación ambiental, a lexislación ou os recursos socioculturais, entre outros. A avaliación desta primeira parte basearase, alén de na asistencia, no grao de implicación e no traballo personalizado e individual de cada persoa.

150 horas de prácticas
O segundo bloque, que estará conformado por 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre supervisadas por unha titora ou titor, será realizado ao remate da primeira parte do curso. Este segundo bloque contará con dúas modalidades de realización: 14 días de participación nunha actividade ao aire libre, que se poderán agrupar en bloques non inferiores a tres días, ou 150 horas en actividades cunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre. Unha vez completada a primeira parte formativa, o alumando dispón dun prazo de dous anos para facer as prácticas.

O dinamismo e a participación caracterizarán a metodoloxía que se empregará no curso e que buscará a interacción e a participación do alumnado no seu propio proceso de aprendizaxe. Desta maneira, a metodoloxía terá un carácter eminentemente práctico, co obxectivo de que as persoas asistentes adquiran as competencias necesarias para o desenvolvemento de determinadas actividades. De igual maneira, ao longo do curso, o alumnado tamén recibirá diferente material que lle servirá como apoio didáctico e que complementará os contidos impartidos na aula.

Tramitación das inscricións
A inscrición deberase realizar no rexistro municipal achegando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, unha fotografía recente, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da titulación académica esixida. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. O curso só se realizará no caso de acadar as 12 persoas inscritas, existindo no total 20 prazas dispoñibles. O curso, que está homologado pola Xunta de Galicia, ten un prezo de 172 euros cuxo pagamento poderá ser fraccionado en dous prazos.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925