Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A patinadora Nadia...


A patinadora Nadia Iglesias reedita o premio votado pola veciñanza de mellor deportista de Ames do ano 2017

[13-02-2018] Este venres, 16 de febreiro, o Concello de Ames celebra na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa décimo segunda edición da Gala do Deporte. A velada, ao longo da cal se premiarán ás e aos mellores deportistas amesáns de 2017, contará con actuacións en directo e demostracións dos clubs e escolas deportivas. A patinadora Nadia Iglesias, medalla de bronce no campionato do mundo júnior de patinaxe artística e campioa de Europa, volverá a ser galardoada este ano co premio do público, repetindo así como o ano pasado. A gala, que estará apadriñada polo atleta Pedro Nimo, será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera.

O Concello de Ames organiza a décimo segunda edición da Gala do deporte, que terá lugar este venres, 16 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ao longo da celebración iranse dando a coñecer os premios que recibirán os mellores deportistas masculinos e femininos do 2017, así como as promesas do deporte amesán.

Así mesmo, durante a gala, entregaranse outros premios como os de mellor club e mellor xogadora ou xogador dun equipo de Ames, ademais do premio colabor@ames, dirixido a unha entidade que colaborase e participase dos eventos deportivos realizados no concello durante o 2017. Asemade, tamén haberá un recoñecemento especial para un persoeiro chave no desenvolvemento das actividades deportivas de Ames.

Alén diso, por segundo ano consecutivo, a Gala do Deporte do Concello de Ames dispón dunha nova categoría, inexistente ata o ano pasado: o premio do público. Deste xeito, desde o 2016, a veciñanza pode votar pola ou polo mellor deportista amesán do ano, entre cinco persoas candidatas propostas en función dos éxitos deportivos acadados nos últimos doce meses.

Este ano, o premio especial do público elixiuse entre o xogador profesional de squash, Borja Golán Santín, que en 2017 logrou o terceiro posto no campionato de Europa e vén de proclamarse campión de España por décimo sexta vez; o xogador de fútbol, Fernando Seoane Antelo, que actualmente xoga como centrocampista no Club Deportivo Lugo da Segunda División e é un dos capitáns do equipo; a patinadora Nadia Iglesias de Salvador, campioa de Europa e medalla de bronce no campionato do mundo júnior de patinaxe artística; o boxeador, José Ramón Mirás, tres veces campión de España de peso galo entre o 2016 e o 2017; e a futbolista, Nuria Rábano Blanco, campioa de Europa coa selección Española de Fútbol Feminina sub-19 e actual xogadora do Real Club Deportivo da Coruña.

Premio especial do público
Unha vez pechada a enquisa, que estivo activa na páxina web municipal ata o 17 de xaneiro, resultou gañadora a patinadora Nadia Iglesias, cun total do 60% dos votos emitidos. En segunda posición ficou o boxeador José Ramón Mirás, co 27% do total. A futbolista Nuria Rábano acadou o terceiro lugar e a cuarta posición foi parar ao futbolista, Fernando Seoane. O xogador de squash, Borja Golán, ficou en quinta posición nunha votación na que participaron 1.769 persoas con votacións individuais, ao non estar permitido emitir máis dun voto por persoa.

Ao igual que nas dúas edicións pasadas, as persoas premiadas no resto de categorías non se coñecerán ata a celebración da Gala do Deporte. Durante a celebración da mesma, haberá diversas actuacións en directo, así como demostracións das mozas e mozos que participan en varias modalidades das escolas e clubs deportivos. De igual maneira, tamén haberá proxeccións de vídeos sobre os deportistas do concello. A gala, que estará apadriñada polo atleta Pedro Nimo, será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925