Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames súmase á iniciativa “Caldo de Gloria” con motivo da celebración do Día de Rosalía

[12-02-2018] Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, unha efeméride que terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión e Padrón, así como coa Fundación Rosalía de Castro, organiza a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, convídase aos establecementos do sector hostaleiro de Ames a que durante os días 23, 24 e 25 de febreiro sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro luns 19 de febreiro. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 23 servirase caldo galego na rede municipal de comedores escolares.

A proposta que se lle fai ao sector hostaleiro de Ames é celebrar esta data tan sinalada, o Día de Rosalía, servindo nos diferentes establecementos o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.

Trátase dunha receita, tipicamente galega, que será ofrecida como tapa á hora da comida e da cea nos locais que se adhiran a esta iniciativa. Como este ano o Día de Rosalía coincide nun sábado, 24 de febreiro, dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, promotora da campaña, proponse que o caldo sexa servido durante toda a fin de semana, de venres a domingo. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, explica que “con esta iniciativa desexamos que a veciñanza amesá lembre a Rosalía de Castro no seu día, compartindo en lugares públicos este caldo, un prato para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular. Dende o Concello de Ames, secundamos e animamos a todo o sector hostaleiro a que se sume a esta orixinal proposta co desexo de homenaxear a unha das máis destacadas figuras das nosas letras, e vinculada ao noso concello tanto na súa vida como a través da súa maxistral obra”.

Segunda edición de Caldo de Gloria
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o ano pasado o Concello de Padrón. Este ano, ademais de Ames, súmase o Concello de Brión, polo que xa serán tres os Concellos que leven a cabo dita iniciativa. Para potenciar a participación activa nesta campaña crearase o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web http://rosalia.gal/ poderanse descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.

Para participar neste campaña tan só hai que comunicalo a través dos correos electrónicos turismo@concellodeames.gal ou atencioncidada@concellodeames.gal. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro luns 19 de febreiro. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do Concello de Ames 981 883 002 e falar cos técnicos do departamento de Promoción Económica e Turismo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925