Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Xunta de Goberno...


A Xunta de Goberno Local aprobou o reparto de axudas ás entidades sociais que realizan actividades complementarias aos servizos sociais do Concello

[09-02-2018] O Concello de Ames vén de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas dirixidas ás entidades sociais, sen ánimo de lucro, que realizan actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios. Con esta convocatoria, o goberno municipal quixo acadar unha atención complementaria eficaz destinada ás persoas usuarias dos Servizos Sociais, mediante a promoción de diferentes actuacións relativas, por exemplo, á saúde pública ou á inclusión social de colectivos con dificultades de inserción. Após a resolución das solicitudes entregadas, o Concello de Ames aprobou o reparto de máis de 15.000 euros entre catro entidades.

Promover a inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; instaurar programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención e seguimento de persoas en risco de exclusión social; potenciar a saúde pública divulgando os efectos de determinadas problemáticas de índole sanitario; así como a adquisición de formación básica e de tipo laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional son as actuacións que constitúen o eixo vertebral destas axudas, concibidas para o fomento da normalización, autonomía e calidade de vida pola que o Concello de Ames aposta.

A Concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destaca que “con esta liña de subvencións pódese chegar a máis asociacións e, aínda que nesta convocatoria só se presentaron catro das moitas asociacións que colaboran co Concello, a intención é que para este 2018 se presenten algunhas máis. De feito, aínda que foron poucas as entidades que se presentaron, resulta moi satisfactorio ver como as asociacións que colaboran habitualmente cos Servizos Sociais comunitarios e que ata o de agora non podían optar a ningunha achega municipal, agora si poden facelo”.

As entidades sociais beneficiarias destas axudas foron Arcea Adames, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Cáritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño e Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais. A primeira delas, Arcea Adames, recibiu 7.500 euros destinados ao financiamento dun obradoiro ocupacional dirixido a persoas con diversidade funcional. O montante será asignado aos gastos de persoal.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia recibiu 413,50 euros, destinados a sufragar os gastos de persoal e desprazamentos do servizo de intérpretes de linguaxe de signos. De igual maneira, o Concello de Ames outorgoulle a Cáritas Diocesana Santiago Parroquial de Ortoño 4.800 euros, que irán abonar os gastos de arrendamentos, consumo enerxético, actividades escolares e de formación, así como a pagar os gastos de alimentación, farmacia e hixiene, derivados dos programas de inserción social de colectivos con especiais dificultades. Por último, a asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais obtivo 3.000 euros para sufragar os gastos de persoal vinculados ao acompañamento integral no rural. No total, repartíronse 15.713,5 euros entre as catro entidades.

O Concello de Ames xa viña colaborando de xeito anual con entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, que desenvolven a súa actividade principal con persoas usuarias dos Servizos Sociais comunitarios do Concello, a través de subvencións nominativas e/ou convenios de colaboración, que se viñeron asinando nos últimos anos. Porén, ao ser cada vez máis as entidades e asociacións que colaboran cos Servizos Sociais, o Concello de Ames considerou indispensable a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, formulando deste xeito un instrumento único que dea cabida a todas as iniciativas que neste ámbito competencial son desenvolvidas por entidades desta natureza, facilitando así unha máis efectiva coordinación entre os dispositivos existentes.

“Trátase en definitiva de unificar programas e actividades que aínda que son da mesma natureza que os de ámbito municipal en canto ao obxectivo que perseguen, non así en canto aos responsables da súa xestión”, afirma Luísa Feijóo. No total, foron destinados 40.500 euros dos orzamentos municipais a esta liña de subvencións, dirixidas a iniciativas que redundan en beneficio das persoas usuarias dos Servizos Sociais e, en consecuencia, do benestar social de todo o municipio.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925