Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Inícianse os...


Inícianse os traballos da axenda dixital das TIC do Concello de Ames incluídas na Estratexia DUSI

[10-02-2018] O Concello de Ames comezou neste mes de febreiro os traballos correspondentes coa mellora dos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica, que é un dos catro grandes obxectivos incluídos na Estratexia DUSI “Impulsa Ames”. A empresa Balidea será a encargada de desenvolver dito proceso despois de ser elixida por presentar a oferta económica máis vantaxosa. Os traballos, cofinanciados a través do programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020, consistirán na realización dunha auditoría na que se vai avaliar a situación actual do Concello de Ames no ámbito dos sistemas de información das novas tecnoloxías. Ademais, dita empresa ofrecerá asesoramento e apoio técnico, coa formación dunha Oficina Técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren necesarios mellorar.

O Concello de Ames foi seleccionado na segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020. Isto implica a concesión dunha axuda de 5 millóns de euros, aos que o Concello de Ames sumará 1.250.000 euros. En total entre 2018 e 2022 investirase 6.250.000 euros nas accións estratéxicas do plan Impulsa Ames, que parte dun estudo de necesidades de Bertamiráns e O Milladoiro, dado que son os espazos urbanos o obxectivo da DUSI, aínda que o conxunto de actuacións beneficiará a todo o concello.

Establécense catro grandes obxectivos estratéxicos. O primeiro para a mellora de acceso aos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica. O segundo para facer de Ames un concello integrador, ben comunicado con transporte público e privado. O terceiro é para converter Ames nun concello sustentable medioambientalmente, accesible e disfrutable polos seus veciños. O cuarto e último para ancorar a poboación xuvenil no concello, brindándolles ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura e facilitando o emprego por medio do emprendemento.

Neste mes de febreiro comezan os traballos correspondentes coa mellora dos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica. O Concello de Ames xa vén traballando no proceso de implantación da Administración Electrónica, a través dos servizos da Plataforma SIGEM, que a Deputación de Coruña ofrece aos Concellos da provincia. A empresa Balidea será a encargada de desenvolver dito proceso despois de ser elixida por presentar a oferta económica máis vantaxosa.

Auditoría dividida en tres bloques
A auditoría que se realizará ao longo deste trimestre está dividida en tres bloques. Por un lado no referente á Administración electrónica, un segundo bloque no que se estudará a implantación da tarxeta cidadá e un terceiro no que estará incluído o estudio da web actual e as aplicacións de uso para a veciñanza como son o programa Conciliames, o das Escolas deportivas ou a propia Billeteira electrónica. Ademais, dita empresa ofrecerá asesoramento e apoio técnico, coa formación dunha Oficina Técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren necesarios mellorar.

O alcalde de Ames e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, destaca que “a planificación deste estudio será clave para a implantación dos novos servizos electrónicos que transformarán o Concello de Ames nos vindeiros meses".

O Concello dispón de algo máis de seis millóns de euros para o desenvolvemento da Estratexia DUSI Impulsa Ames. Dentro de dita Estratexia o obxectivo temático 2 está centrado na modernización tecnolóxica da Administración local cunha dotación próxima aos 500.000 euros. Deste xeito, levarase a cabo un estudio en profundidade sobre a Administración electrónica. A través da auditoría que se está realizando estudaranse novas aplicacións e posibles alternativas valorando os pros e contras de cada unha delas e facendo unha análise pormenorizada da implantación no caso de decidir o cambio.

Miñones considera "esencial e prioritario o traballo nas novas tecnoloxías no que Ames estivo parada dende 2012 e polo que ten moito que facer".

Tramitación de expedientes de xeito electrónico
Con estes traballos o Concello de Ames da un paso mais nesta modernización administrativa que dende o 2016 está a levar a cabo coa implantación do portal portafirmas, o módulo de decretos, a implantación do rexistro SIR, o cumprimento das Leis 39 e 40 de rexistro electrónico ou a posta en funcionamento do módulo de actas co que se está implantando na actualidade e que permite achegarse á tramitación de expedientes de xeito electrónico.

Tamén a modernización do Centro de procesamento de datos (CPD) con novo hardware e software, así como do Pazo da Peregrina dotándose de rede de fibra e conectividade, ademais de equipamento audiovisual, ao igual que a Aula da Naturaleza ou as bibliotecas municipais, son algunhas das melloras que se están a levar a cabo polo departamento e que se complementarán este ano con outras dependencias, a adxudicación dun novo sistema de control e o concurso de telefonía e datos que se atopaba prorrogado dende hai 4 anos.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925