Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A maxia do Nadal...


A maxia do Nadal convida ás nenas e aos nenos de Ames, Santiago e Teo a iren preparando as súas cartas de Nadal

[06-12-2017] Ames, Teo e Santiago, por terceiro ano consecutivo, poñen en marcha de forma conxunta e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición o lema é “Ponlle cor á lingua” anima ás crianzas a colorear a súa lingua, o galego, das tonalidades que consideren máis acaidas. Os motivos polos que escollen esas cores poderán compartilos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as cores transmiten sentimentos: o verde esperanza, o vermello rabia, a alegría amarela... e pídenlles ás nenas e aos nenos de Ames, Teo e Santiago que colaboren na súa tarefa de colorear todas as linguas do mundo, enviándolles unha carta en que expliquen a cor que queren para o galego. Os colexios destes concellos están recibindo xa cadansúa caixa de correo, así como un convite en forma de árbore no que un carrizo lles explica en que consiste a actividade e como poden participar.

Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, nas Casa da Cultura e nas bibliotecas para que toda a veciñanza poida participar. As cartas poderán depositarse ata o día 3 de xaneiro, incluído. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta de cada nena e neno estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia Maxia do Nadal.

Cartas-resposta con sorpresa incluída
Todas as nenas e nenos que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos da nena ou neno: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto.

Premios para as seis cartas máis interesantes e creativas
Ademais, haberá seis premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do vindeiro ano. Valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. É fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar coas nenas e nenos gañadores e convocalos á entrega deses premios, o día 5 de xaneiro da man dos propios Reis Magos de Oriente.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925