Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames inaugura o alumeado de Nadal

[03-12-2017] O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do sábado, 2 de decembro. Desde ese momento a luminaria engalana os edificios principais e ilumina as rúas e as prazas de Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Miguel Bautista Vaquero, o alumno gañador do Concurso de Cartas de Nadal do 2016, cuxo debuxo ilustrará este ano o programa de actividades festivas, foi o encargado de premer o botón de acendido das luces. Acompañábano na liña de presidencia do acto, o alcalde, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), Pablo Suárez e o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira – Palmira Boulevard, José Manuel Fernández, ademais do grupo As Maianas. As luces de Nadal iluminarán as tardes de compras e as noites de Ames ata o 6 de xaneiro


Desde as seis da tarde, as Maianas amenizaron coas súas voces e o repenique das súas pandeiretas á veciñanza de Ames. Primeiro cantaron no tradicional mercado dos sábados. Despois as súas cantigas abriron e pecharon o acto oficial de acendido das luces que este ano se celebrou en Bertamiráns, na praza do Concello, onde se congregaron ao redor dun cento de veciños e veciñas. 


O alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu á veciñanza a asistencia ao acto e aproveitou a circunstancia para felicitar as Festas de Nadal e para animar a todas e a todos a gozar dos actos e as actividades que o Concello está programando para estes días de festa, entre os que se atopa unha carpa de xeo que se situará, alternativamente, no Milladoiro e en Bertamiráns.

Ao pé das escaleiras do Concello, o concelleiro de Obras, Blas García, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijoo, ademais de todas as veciñas e as veciños que acudiron a ver como se acendían as luces de Nadal en Ames, observaron como o neno Miguel Bautista Vaquero premía, da man do alcalde, e baixo a atenta mirada da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o botón de acendido das luces.

As rúas nas que este ano se instalou a decoración son aquelas que concentran un maior número de paseantes, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalánanse tamén para estas festas. Ademais, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas coas mensaxes de Boas Festas, que se sitúan nas entradas e saídas dos principais núcleos. O alumeado de Nadal manterase ata o 6 de xaneiro.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925