Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Persoeiros de todos...


Persoeiros de todos os ámbitos sociais participarán no acto de presentación da campaña “Galeg@ para sempre”

[28-11-2017] Representantes do mundo do ensino, do deporte, da Universidade, da empresa e da cultura, entre os que se atopan o Secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e as escritoras Mariña Pérez Rei e María López Sande, xuntaranse mañá na presentación da campaña “Galeg@ para sempre” e asinarán o documento de declaración de vontades a través do que se manifesta a intención de seren recordados en galego á hora do pasamento. A campaña, impulsada polo departamento de Normalización Lingüística, está dirixida a fomentar o uso do idioma no ámbito funerario. Calquera veciño ou veciña que desexe sumarse á iniciativa pode enviar os seus datos -nome completo, DNI e teléfono- ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Ademais, toda a veciñanza está convidada a acudir ao acto de presentación que terá lugar mañá, a partir das sete da tarde, no Centro Social de Agrón. No transcurso do acto, tamén será presentado o Manual de recursos funerarios en galego.

O acto comezará ás sete da tarde. O pianista Xabier Constenla e a cantante Pilar Martínez serán os encargados da apertura do evento. A continuación, o alcalde de Ames, Xosé Miñones, a concelleira de Normalización Lingüística dará a benvida e explicaralles ás persoas asistentes en que consiste a campaña. Seguidamente escoitaremos as verbas do escritor e latinista Xesús Ferro Ruibal, do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, das escritoras Mariña Pérez Rei e María López Sande, do profesor, ensaísta e tradutor Antón López Silva e do poeta e filósofo, Paco Rubinos. Todos estes veciños de Ames quixeron contribuír coa súa voz e as súas palabras ao espallamento da iniciativa. 

No transcurso do acto, os veciños e veciñas que o desexen poderán asinar a declaración de vontades na que se manifesta a intención de que todas as cuestións relacionadas co pasamento se realicen en galego. Ademais, calquera veciño ou veciña que desexe facer públicas estas intencións e apoiar coa súa sinatura a campaña poderá facelo achegándose a Agrón esta tarde ou enviando os seus datos -nome completo, documento de identidade e teléfono- ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

Manual de recursos funerarios en galego 
O persoal da concellaría de Normalización Lingüística mantivo contactos con representantes da Igrexa e das empresas do sector que aplaudiron a inciativa e se manifestaron dispostas a colaborar. Ademais desde o mesmo departamento elaborouse un manual de recursos que axudará aos profesionais funerarios e ás familias a facer as despedidas dos seus seres queridos en galego. Este manual, que tamén será presentado esta tarde en Agrón, incluirá suxestións de lemas, frases para lápidas, ramos e coroas, e mesmo unha escolma de poesías e textos para as cerimonias laicas. O manual estará tamén dispoñible na web para quen desexe descargalo.

Para a concelleira de Normalización, Isabel Vaquero, esta campaña responde ao feito de que na actualidade, a presenza da lingua propia de Galicia despois da morte é moito inferior que na vida: “Quen visite un camposanto, por exemplo, pode pensar que o galego non existe, pois alí a súa presenza é practicamente nula. Deste xeito, cómpre dar pasos para que, tamén despois da morte, o galego sexa visible”.



Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925