Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Aberto o prazo de...


Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro Prende no Colo de xogos, recitados e cancións infantís dirixido polo músico Luis Prego

[13-11-2017] O vindeiro 24 de novembro, o programa Apego acollerá un novo obradoiro, esta vez da man do recoñecido músico Luís Prego. No obradoiro Prende no colo, as familias e as crianzas aprenderán e practicarán diferentes cantigas, cantos de berce, xogos de dedos e recitados, ademais de iniciárense no ritmo e na melodía. Dirixido a familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos, o obradoiro contará con dúas sesións: unha ás 18:00 horas e outra ás 19:00h. Ambas as dúas celebraranse na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome, apelidos e idade das persoas asistentes, un teléfono de contacto e a sesión escollida. O prazo de inscrición remata o próximo 23 de novembro.

O programa do Apego de Ames presenta, para o vindeiro 24 de novembro, unha nova actividade: o obradoiro Prende no Colo. Impartido polo coñecido músico Luis Prego, está dirixido a familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos. Prende no colo ten como obxectivo dar a coñecer cancións, xogos de dedos e colo, recitados, cantos de berce e bailes para que as familias os utilicen, posteriormente, coas crianzas. De igual maneira, o obradoiro tamén pretende iniciar ás nenas e aos nenos na melodía e no ritmo, así como achegar recursos para contribuír e facilitar a crianza en galego. Neste obradoiro aprenderanse, polo tanto, cancións tradicionais e modernas para xogar cos dedos, saber o nome, contar, aprender cores, durmir, recoller...

A actividade, que é gratuíta, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro e contará con dúas sesións: unha ás 18:00h e outra ás 19:00h (cada unha con prazas para 20 familias). Para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos e idade das persoas asistentes, un teléfono de contacto e a sesión escollida. O prazo, que xa está aberto, rematará o vindeiro 23 de novembro. 

O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925