Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Abre o prazo para que...


Abre o prazo para que a veciñanza presente as súas solicitudes ao proceso de concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal de Ames

[10-11-2017] Este venres, 10 de novembro, sae publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio de licitación de concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal de Ames, que está situado no lugar de Os Batáns. O goberno municipal puxo en marcha unha campaña para informar á veciñanza de que dispón un prazo de 20 días naturais para presentar as súas solicitudes. Dito prazo rematará o día 30 de novembro (inclusive). As ofertas deberán presentarse, nalgún dos rexistros municipais, en dous sobres pechados (A e B) coa documentación que se indica no prego de condicións que rexen o proceso de licitación. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a documentación necesaria para participar na licitación.

O goberno municipal está dando os últimos pasos para que o cemiterio municipal comece a funcionar de xeito oficial. Dende o pasado mes de agosto esta instalación xa está aberta e pode visitarse para ver como quedou despois dos traballos de acondicionamento que se realizaron. Actualmente o cemiterio está aberto todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas. Agora, unha vez finalice o proceso de adxudicación da concesión dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, poderase comezar a empregar estas instalacións do cemiterio.

Dende este sábado día 11 e ata o xoves 30 de novembro, os veciños e veciñas que o desexen poderán presentar as súas solicitudes pra participar no proceso de licitación dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios que se ofertan. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes por escrito nos Rexistros do Concello achegando dous sobres (sobre A e sobre B). No exterior do sobre A deberase poñer nome e apelidos, número de DNI, enderezo, teléfono, sinalar o prazo de anos polo que se opta na concesión (25 ou 75 anos) e indicar a cantidade de unidades de enterramento que se solicita. No interior do sobre deben meter copia do DNI e a solicitude do anexo III.

Por outra banda, no exterior do sobre B hai que poñer os mesmos datos que no sobre A, e no interior, deben meter un certificado de empadroamento, copia da partida de nacemento e proposta económica segundo o recollido no anexo IV. Os impresos poden conseguirse na Casa do Concello (Bertamiráns), nas Oficinas xerais do Milladoiro ou no banner que está colocado na cabeceira da páxina web municipal. O persoal municipal axudaralle á veciñanza para cubrir ditas solicitudes. Para aclarar calquera dúbida pódese chamar ao número de teléfono 981 883 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal

Concesión por 25 ou 75 anos
O devandito prego regula o procedemento de adxudicación para uso privativo de nichos, tumbas, panteóns e columbarios, que están situados nas rúas 1, 2, 6 e 7 do cemiterio municipal de Ames. Hai dous tipos de panteóns: o tipo A dispón de 3 nichos e 1 columbario, mentres que o tipo B dispón de 4 nichos. Asemade, establecéronse varias modalidades para poder solicitar diversas concesións. Existen dous períodos posibles de concesión para as distintas unidades de enterramento. A primeira opción é da concesión por un período de 25 anos, con posibilidade de renovación por períodos de 25 anos ata un máximo de 75 anos. A segunda opción é da concesión por un período de 75 anos, non renovables.

Para a modalidade de 25 anos hai unha serie de prezos mínimos que son de 306 euros para os columbarios da rúa 1; 823,21 euros para os nichos independentes da rúa 2; 823,21 euros para as tumbas da rúa 6; 2.635,83 euros para o panteón tipo A das rúas 1 e 7; e 3.106,44 euros para os panteóns tipo B da rúa 2. Asemade, para a modalidade de 75 anos tamén hai unha serie de prezos mínimos que son de 550,80 euros para os columbarios da rúa 1; 1.481,78 euros para os nichos independentes da rúa 2; 1.481,78 euros para as tumbas da rúa 6; 4.744,50 euros para o panteón tipo A das rúas 1 e 7; e 5.591,60 euros para o panteón tipo B da rúa 2.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925