Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A xornada informativa...


A xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral” asesorou preto de 50 mulleres amesás na busca de emprego

[11-10-2017] Dirixida a todas as mulleres do Concello de Ames na procura de emprego ou cunha idea para emprender, a xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral” celebrouse o martes, 10 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e hoxe, día 11, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Organizada pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM) e en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a xornada gozou dunha grande acollida. No total, asistiron preto de 50 mulleres.


A xornada de hoxe contou coa presenza da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, xunto coa da Directora do CIM e a do técnico de Promoción Económica, que se achegaron ata o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, para agradecer a asistencia e animar ás mulleres participantes a non desistir na súa procura de emprego. “A finalidade desta xornada é informar a todas as mulleres que estades interesadas acerca de alternativas e técnicas que vos poidan axudar a mellorar a vosa empregabilidade e que sirvan tamén para fomentar o emprendemento”, afirmou Luísa Feijóo durante a visita.

A organización desta xornada informativa tiña como obxectivo orientar ás mulleres participantes nos procesos de busca de emprego. Deste xeito, ofrecéronselles diferentes consellos sobre como realizar un curriculum máis eficaz, describindo estudos e experiencia, mais tamén competencias e habilidades. Alén diso, tamén se lles deu información acerca dos recursos existentes tanto na Oficina de Emprego como a nivel municipal, a través do Concello de Ames e dos servizos de orientación laboral.

As mulleres participantes tamén foron informadas acerca doutros dous cursos. O primeiro deles enfocado á mellora da empregabilidade: desenvolvemento de habilidades comunicativas, preparación de entrevistas ou emprego de recursos na rede. O segundo, pola súa banda, estaría centrado no autoemprego, no emprendemento e na economía social. Nel traballaríanse cuestións como as diferentes formas xurídicas, os plans de empresa, as diferentes formas de emprendemento e de economía social ou os trámites a realizar para a constitución dunha empresa. 



Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925