Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Aberto o prazo de...


Aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro Alí de recursos en galego para a educación infantil

[10-10-2017] O Obradoiro Alí, que está dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, e ao profesorado de infantil das EEI e dos CEIP do Concello de Ames, desenvolverase o vindeiro sábado, 21 de outubro. Será no Pazo da Peregrina, das 10:00h ás 14:00 horas. O obxectivo da súa realización é o de facer máis visible o material existente en galego para a primeira infancia, contribuíndo a que as crianzas poidan apropiarse do mundo na nosa lingua, ao tempo que aprenden dun xeito lúdico. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de outubro. As persoas interesadas poderán inscribirse enviando un correo ao Servizo de Normalización Lingüístico de Ames, normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto, escola na que traballan e o posto que ocupan.

O obxectivo do Obradoiro Alí é o de promover o uso do galego na educación infantil, a través da presentación de recursos nesta lingua ás persoas asistentes. O obradoiro basearase, polo tanto, na achega de materiais actualizados, presentados da man de propostas didácticas atractivas pensadas para seren empregadas na aula. O Obradoiro Alí celebrarase o sábado, 21 de outubro, das 10:00h ás 14:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Con esta xornada formativa o que se busca é facer máis visible o material en galego existente para a primeira infancia. Todo para contribuír a que as nenas e nenos se poidan apropiar do mundo en galego, aprendendo dun xeito lúdico, e se prexuízos, a expresar o seu enxeño, a desenvolver a súa sensibilidade, a manifestar as súas habilidades e emocións e a potenciar as súas capacidades sensoriais.

O obradoiro, que está dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, e ao profesorado de infantil das EEI e dos CEIP do Concello de Ames, centrarase nas dinámicas diarias das aulas: cancións de transición, ideas para as asembleas, xogos para a hora do patio... Porén, tamén proporcionará materiais baseados nos contidos do curriculum educativo de Educación Infantil, así como ideas de proxectos temáticos. Do mesmo xeito, tamén se lles achegarán ás persoas asistentes contos, xogos e material audiovisual e musical ligados ás diferentes celebracións do ano. 

Inscrición no Obradoiro Alí
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de outubro. As persoas interesadas deberán inscribirse enviando o seu nome e apelidos, teléfono, escola na que traballan e posto que ocupan, ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. Para obter máis información, pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística de Ames a través deste email ou chamando ao número de teléfono 662 377 215.

As persoas que asistan á xornada completa recibirán unha acreditación de asistencia, co número de horas e cos contidos tratados no obradoiro. No caso de que se superen as 25 prazas existentes, realizarase un segundo obradoiro ese mesmo día pola tarde.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925