Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os “Encontros de...


Os “Encontros de Familias” comezan este martes no Milladoiro

[09-10-2017] O martes, 10 de outubro, comeza o programa “Encontros de Familias”, que se desenvolverá semanalmente, no local de JUPEMI no Milladoiro, entre as 17:30h e as 19:00 horas. Os encontros encádranse dentro do Programa de Educación Familiar do Concello de Ames e contan coa colaboración da Fundación Antonio Gandoy. O obxectivo dos mesmo é a formación das familias sobre cuestións que afectan á primeira infancia como o sono infantil, a linguaxe, a importancia do xogo ou a adquisición de hábitos saudables.

Os “Encontro de Familias” comezan mañá, 10 de outubro, no local JUPEMI do Milladoiro. Neles participarán entre 12 e 15 familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos. Nos encontros, que se desenvolverán semanalmente entre as 17:30h e as 19:00 horas, as familias participantes estarán acompañadas e dirixidas por persoas especializadas no eido da educación. O obxectivo destes encontros é que as familias se coñezan, dialoguen e reflexionen, ao tempo que se lles ofrecen experiencias e ferramentas educacionais.

A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca o valor positivo destes encontros: “Supoñen un tempo e un lugar de encontro entre as familias. Neles trátanse diferentes cuestións relativas á primeira infancia, como o sono infantil, a linguaxe ou a adquisición de hábitos saudables. Este é un espazo, ademais, onde as familias poden intercambiar experiencias e aprender xuntas, sempre cun enfoque positivo e usando o xogo como ferramenta de comunicación. Os encontros permitiranlles interiorizar a parentalidade desde unha perspectiva positiva, creando, asemade, a oportunidade de formar redes de apoio e promovendo o coñecemento e a participación noutras actividades”. 

As familias contarán, ademais, cunha atención individualizada, presencial ou telefónica, e cunha atención grupal. En canto ás crianzas participantes, os encontros tamén suporán para elas unha oportunidade de reunión con outras nenas e nenos. Durante os encontros, as máis pequenas e pequenos da casa participarán en situacións de aprendizaxe, que lles permitirán adquirir coñecementos e desenvolver capacidades. Tamén farán parte de actividades que lles darán seguridade e que lles permitirán anticipar acontecementos, potenciando o ritmo interior de cada crianza e contribuíndo a regular o seu ritmo exterior.

Deste xeito, o que estes encontros pretenden ser é un espazo prolongado da seguridade afectiva que para elas e eles representa a familia. Un lugar de cordialidade e cooperación, que supoña un achegamento á realidade das cativas e dos cativos e as súas vivencias. Os “Encontros de Familias” buscan o recoñecemento e o respecto da infancia e das súas necesidades, valorizando o importante papel que a familia ten na educación das nenas e nenos e contribuíndo, ademais, á revitalización da cultura galega, da lingua e das tradicións. De igual maneira, os encontros tamén crean a posibilidade de desenvolver actividades e proxectos comúns.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925