Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas 300 peregrinos...


300 peregrinos pasarán este sábado polo Milladoiro na terceira edición do Camiño da Diversidade

[13-09-2017] Un ano máis, a Fundación INGADA convoca o III Camiño da Diversidade, iniciativa pioneira que reúne a peregrinos de toda Galicia nunha marcha cuxo obxectivo é sensibilizar á sociedade para que a diversidade das persoas sexa considerada como un valor. Nesta marcha, que terá lugar este sábado 16 de setembro, participarán 300 persoas. A andaina comezará ás 10:00 horas na Escravitude (no concello de Padrón). Está previsto que os peregrinos cheguen O Milladoiro arredor das 14:30 horas, onde serán recibidos pola banda de folk Ribas do Sil, facendo parada para comer onde teñen a súa disposición a Casa da Cultura e o pavilón municipal. Ademais, este grupo ofrecerá un concerto solidario, aproveitando o tempo de descanso dos peregrinos.

O percorrido previsto para este ano contempla o paso pola última etapa da ruta portuguesa (18 km) e ao longo do mesmo realizaranse diferentes eventos culturais e de lecer, destacando entre eles varias sorpresas, así como o xa tradicional concurso de selfies, no que participan diversas entidades doando agasallos e cuxas bases se atopan na web www.fundacioningada.net. O último tramo cara á praza do Obradoiro irá acompañado do grupo de percusión “Asociación Cultural Trópico de Grelos”. A chegada á mesma está prevista ás 18:30 horas, onde se dará lectura ao Manifesto pola Diversidade.

Todos os participantes que o desexen poderán deixar a súa mensaxe no Gran Mural da Diversidade, realizado por mozos colaboradores da Fundación INGADA e dirixidos polo artista Eduardo Hermida, fundador de “Las Meninas de Canido”. Unha das novidades da terceira edición da marcha é a súa sensibilización cara ao medio ambiente: os peregrinos da Coruña liderarán un proxecto de reciclaxe dos residuos plásticos e de papel baixo o lema "Residuo Cero e Economía Circular”.

O III Camiño da Diversidade é unha iniciativa da Fundación INGADA aberta á sociedade en xeral. Quen o desexe pode participar inscribíndose na web, https://www.fundacioningada.net/iii-camino-diversidad, onde se atopa detallada toda a información. As grandes cidades de Galicia contarán con autobuses que trasladasen aos participantes ata o punto de partida, na Escravitude. Este ano a organización espera superar os 300 participantes da anterior edición. Máis información e inscricións en www.fundacioningada.net, tamén en Facebook e no teléfono 722 521 381.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925