Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal reúnese cos representantes do persoal para iniciar a negociación da segunda fase de modificación da RPT

[12-09-2017] O goberno municipal vén de reunirse cos representantes do persoal do Concello de Ames para iniciar a negociación da segunda fase de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Nesta comisión participaron o rexedor municipal, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Educación e Cultura, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos e os representantes sindicais do Concello. Neste primeiro encontro o goberno presentou unha proposta inicial para a adecuación xeral do organigrama administrativo e da RPT.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “nesta primeira reunión presentamos unha proposta feita polo goberno, que está dividida en dous bloques. Por un lado recolle a presentación dunha proposta para a revisión do organigrama administrativo vixente. O primeiro será abordar o organigrama, e unha vez definido, procederase a describir a estrutura de postos que se adapte ao mesmo. A segunda parte da proposta recolle a posibilidade de realizar unha oferta de emprego público con previsión de procesos de funcionarización e consolidación, así como a elaboración dun plan de carreira profesional”.

Cómpre lembrar que en abril de 2016 o goberno e mailos representantes do persoal municipal comezaron un proceso de negociación para actualizar a RPT. Este proceso dividiuse en dúas fases. Na primeira fase realizouse unha actualización de mínimos para incluír neste documento todos os postos de traballadores/as que existen na actualidade no Concello de Ames. Esta actualización, que foi aprobada por maioría na Mesa Xeral de Negociación, contou despois co visto bo do Pleno no mes de decembro de 2016. Xa naquela ocasión, o goberno comprometérase a poñer en marcha unha segunda fase de negociación da RPT, a cal dá comezo agora coa presentación deste documento de traballo, a través do cal se pretende facer unha revisión moito máis profunda deste documento que levaba dende o ano 2007 sen revisar.

A proposta inicial presentada polo goberno municipal, para a adecuación xeral do organigrama administrativo e da RPT, está sendo estudada polo Comité de Empresa e pola Xunta de Persoal que presentarán as súas achegas despois de falar cos traballadores/as municipais. Dita proposta recolle unha serie de actuacións, que afectan a varios departamentos municipais, a medio prazo e outras a máis longo prazo. O organigrama presentado polo goberno pretende organizar de mellor maneira os servizos existentes, adaptándoos á realidade actual do día a día da Administración.

Asemade, nesta comisión de traballo tamén se abordou a adecuación que hai que realizar do manual/método de valoración dos postos de traballo, particularmente no referente ao subfactor titulación/formación básica. Trala creación do grupo B, aprobado en Mexa Xeral de Negociación en xuño de 2016, e a reclasificación no mesmo dalgún dos postos do Concello, é necesaria unha revisión do subfactor de valoración “titulación/formación básica”, que está directamente vinculado co grupo profesional dos postos e, por tanto, coa esixencia de titulación. Esta revisión afectaría principalmente ao nivel dos postos e o complemento de destino.

Por último, falouse da elaboración, en base á RPT vixente, da próxima oferta de emprego público (OEP) do Concello de Ames, así como do deseño, de xeito paralelo coa segunda fase da revisión da RPT, dun plan de carreira profesional que nos vindeiros meses deberá ser avaliado e designado polo Concello.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925