Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os cómicos...


Os cómicos Fran Rei e Isabel Risco promocionan polas rúas de Bertamiráns o espectáculo “Dous no Camiño” incluído no programa Vive o Camiño!

[12-09-2017] Os cómicos Fran Rei e Isabel Risco estiveron esta mañá polas rúas de Bertamiráns promocionando o espectáculo que van a representar este xoves, 14 de setembro, ás 20:00 horas na praza da Maía, en Bertamiráns. Trátase do espectáculo “Dous no Camiño” que se enmarca dentro do programa “Vive o Camiño!”. Ademais, estiveron conversando na Casa do Concello coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González. Este programa do Xacobeo xa percorreu boa parte do Camiño Inglés e este xoves comeza co Camiño Fisterra-Muxía coa súa actuación en Ames. No caso de que chova a función terá lugar no Pazo da Peregrina.

A programación de Vive o Camiño, iniciativa de promoción e dinamización do Camiño Inglés e Camiño Fisterra-Muxía, está a encher de música e teatro as rúas e prazas dos 27 concellos que forman parte de dous itinerarios xacobeos na provincia da Coruña nestas semanas. Arrincou en agosto co Camiño Inglés, e continuará ao longo do mes de setembro polo Camiño Fisterra-Muxía. Os cómicos Fran Rei e Isabel Risco continúan a súa peregrinaxe caracterizados como Dous no Camiño cunha nova función na praza da Maía, de Bertamiráns, este xoves ás 20:00 horas.

Este programa cultural quere servir como vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre as persoas que están a realizar a ruta como a poboación galega. As funcións e concertos, con entrada de balde, de Vive o Camiño servirán para pór en valor o Camiño Inglés e o Fisterra-Muxía.

Dous no Camiño é un espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco, coa dirección de Avelino González e o texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. Nel atopamos a dous peregrinos camiñando e descubrindo as paraxes do Camiño Inglés, ao seu paso por cada unha das vilas. Ademais, e na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco levarán a cabo unha animación, de creación e dirección propia, tanto nos concellos como nas contornas dalgúns albergues, onde interactuarán coa cidadanía e as persoas que peregrinan en cada posta en escena.

Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron. Esta animación en Bertamiráns tivo lugar este martes 12 ás 13:00 horas.

Camiño Inglés e Camiño Fisterra-Muxía no 2017
O Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta que contén todas as iniciativas e intervencións previstas coa vista posta no Xacobeo 2021, dedica 2017 ao Camiño Inglés e ao de Fisterra-Muxía. En paralelo ás infraestruturas e o mantemento, trabállase en eidos como a promoción e as actividades de divulgación para os escolares, ademais de programas culturais como Vive o Camiño. En conxunto, estase a superar os 1,4 millóns de euros neste exercicio.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925