Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Este xoves, 14 de...


Este xoves, 14 de setembro, chega a Ames o espectáculo “Dous no Camiño” da man do programa Vive o Camiño!

[11-09-2017] O concello de Ames acolle esta semana unha das funcións do espectáculo “Dous no Camiño” que se enmarca dentro do programa “Vive o Camiño!”. A función terá lugar este xoves, 14 de setembro, ás 20:00 horas, na praza da Maía. Esta programación especial do Xacobeo desenvolverase en 27 concellos polos que pasa o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra-Muxía. Os cómicos Fran Rei e Isabel Risco, que participan neste espectáculo, estarán mañá, ás 13:00 horas, polas rúas de Bertamiráns promocionando este espectáculo.

Desde o pasado 23 de agosto e ata o 1 de outubro, 27 concellos galegos do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía acollen esta programación especial do Xacobeo. O concello de Ames é un dos municipios polos que paso o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, polo que acollerá unha das funcións deste espectáculo que se enmarca dentro do programa Vive o Camiño! co que se pretende espallar o espírito do Camiño.

Dirixido por Avelino González, con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, esta montaxe creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017 leva por título Dous no Camiño. O director, Avelino González, ten longa experiencia tanto nas artes escénicas como no cine e na televisión, actuando ou dirixindo (a exitosa montaxe de Talía Bicos con lingua, por exemplo, supúxolle a candidatura ao María Casares en dirección e o Premio Max polo texto).

Estes dous cómicos son moi coñecidos polas producións teatrais nas que participaron (Falar sen cancelas, Retrincos de Castelao, os traballos de Fran Rei como contacontos ou na compañía Os Sete Magníficos Máis Un, Isabel Risco como monologuista, co espectáculo Nabiza girl, ou presentadora), e tamén polas súas intervencións televisivas no Luar, en Land Rober, no programa Air Galicia... Ademais de grandes clowns e formadores. Conectan co público coma ninguén e espallan risos alá onde van. Nesta montaxe amósannos a dous peregrinos que se atopan no Camiño.

Na mesma liña de Dous no camiño, Fran Rei e Isabel Risco realizarán unha animación de creación e dirección propia, tanto nas vilas como nas inmediacións dalgúns albergues, destinadas ao público de cada poboación pero tamén aos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño: Atanasio e Teodoro son dous discípulos de Santiago Apóstolo que levaran os seus restos a Compostela, e despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos andan algo perdidos, por un lado sorprendidos con todas as modernidades que van atopando, pero por outra banda descubrindo que o esencial do Camiño, a natureza, as paisaxes incribles, e algúns monumentos, non cambiaron desde aquela. Na procura da ruta, interactuarán co público que vaian atopando no seu percorrido.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925