Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Elevada...


Elevada participación este pasado sábado na primeira edición da Carreira da Familia de Ames

[11-09-2017] Éxito de participación na primeira edición da Carreira da Familia celebrada este pasado sábado no Milladoiro. Un total de 249 persoas participaron nesta nova proba deportiva na que houbo un moi bo ambiente. Durante toda a tarde houbo animación musical, inchables para os nenos e nenas e sorteo de agasallos entre os participantes. O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición e venta de rifas e pulseras, foi destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Dende o goberno municipal xa están pensando na segunda edición desta proba deportiva co obxectivo de celebrala no mes de xuño de 2018. A agrupación de Protección Civil de Ames estreouse neste evento.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou o éxito de participación da I Carreira da Familia. “Superamos o número de inscritos na antiga Milla Urbana, que tamén se celebraba no Milladoiro, polo que podemos dicir que este evento foi un éxito. Teño que felicitar aos gañadores/as e darlle as gracias a moita xente, en primeiro lugar aos 249 que aportaron o seu grao de doazón e animáronse a correr ou camiñar".

Miñones tamén agradeceu “o traballos do persoal municipal e dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno por colaborar nesta iniciativa. O éxito desta primeira Carreira da Familia fainos pensar xa na seguinte e como xa anunciamos en xuño de 2018 teremos a segunda edición buscando a participación de máis familias que se sumen a camiñar ou correr con nós á vez que colaboran con unha boa causa”.

Ademais, ao longo de toda a tarde houbo actividades lúdicas para as familias que participaron na carreira ou se achegaron ata o aparcamento da Travesía do Porto. Tamén houbo inchables para os nenos e nenas e sorteo de agasallos para os participantes. Arredor das 20:00 horas fíxose a entrega de premios: á familia máis numerosa, á avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de dous integrantes, á primeira familia de tres, de catro e á primeira de cinco (cuxos membros chegaron todos ao mesmo tempo nestes casos).

Recadación para ASANOG
O diñeiro recadado, a través das cotas de inscrición, foi destinado á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Ademais, dita asociación montou unha carpa o propio día da carreira para que todas as persoas que quixeran puideran facer unha achega a través do Dorsal 0. ASANOG é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925