Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Uns 2.453 alumnos/as...


Uns 2.453 alumnos/as de educación infantil e primaria iniciaron hoxe o curso escolar en Ames

[11-09-2017] Un total de 2.453 nenos e nenas do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios do concello, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas con total normalidade. Ademais, o venres 15 comezará o curso no IES Plurilingüe de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro, nos que hai 1.300 alumnos/as matriculados. Deste xeito, hai preto de 4.000 rapaces e rapazas escolarizados/as en Ames no curso 2017-2018.

O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e persoal técnico do departamento de Educación, estiveron esta mañá na escola infantil do Milladoiro, situada na Travesía do Porto, coincidindo co inicio do curso escolar, para ver os traballos de mellora que se executaron durante o verán para mellorar as instalacións deste centro. Alí puideron conversar coa directora da escola e co persoal docente. O Concello de Ames investiu 7.671,41 euros en diversos traballos de mellora e acondicionamento. O goberno municipal tamén visitou o comedor deste centro, para conversar co persoal de cociña e cos monitores/as deste servizo que comeza a funcionar hoxe.

Deste xeito, realizáronse diversas actuacións de mellora do parque infantil da EEI Milladoiro como foron o pintado de varios xogos no chan do devandito parque exterior. Outras traballos executados foron a reparación de humidades na cuberta do edificio, a colocación de pranchas no teito das aulas, a reparación das saídas de emerxencia, a reparación do chan dos baños, o pintado da sala de usos múltiples, a colocación dunha varanda, o acondicionamento da zona axardinada, e maila construción dunha rampla de saída que conecta coa rúa Pardiñeiros.

Número de alumnos/as por centros
Na Escola de educación infantil do Milladoiro hai 120 nenos e nenas matriculados para o curso escolar 2017-2018; no CEIP da Maía hai 630 matriculados/as; o CEIP Agro do Muíño conta 480 alumnos/as; no CEP de Ventín hai 587 rapaces e rapazas, mentres que no CEIP de Barouta son 269 os nenos e nenas matriculados para este curso.

As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 11 nenos e nenas, mentres que a da Tarroeira, en Ortoño, acolleu na mañá de hoxe a 18 cativos/as. Cómpre salientar un lixeiro incremento de matriculados/as nas escolas unitarias que contan con 3 alumnos/as máis respecto do curso pasado. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases un total de 338 alumnos/as.

Ademais, o venres 15 comezará o curso no IES Plurilingüe de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro, nos que hai 1.300 alumnos/as matriculados. No IES de Ames hai 860 rapaces e rapazas matriculados/as, mentres que o IES do Milladoiro conta con 440 alumnos/as para o vindeiro curso. Deste xeito, hai preto de 4.000 rapaces e rapazas escolarizados/as en Ames no curso 2017-2018.

Campaña sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil
Asemade, o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 17 de setembro. A Policía Local de Ames colaborará no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos.

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925