Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Preto de 1.200...


Preto de 1.200 alumnos/as comezan este luns un novo curso na Rede Municipal de Comedores Escolares

[09-09-2017] Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, pon en marcha o servizo de comedores escolares, un dos proxectos municipais máis importantes. Trátase dun servizo que está xestionado directamente polo Concello e que conta co asesoramento dunha técnica experta en nutrición e dietética que elabora os menús dos alumnos/as que son usuarios/as destes comedores. Ademais, os menús adáptase semanalmente aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Este ano 1.173 nenos e nenas farán uso deste servizo municipal. Ademais, para o curso 2017-2018 hai 302 alumnos matriculados no programa Bos Días Cole e 161 nas Tardes Divertidas.

Os servizos complementarios de educación e conciliación, no que está incluída a Rede Municipal de Comedores Escolares, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Actualmente, hai 1.173 alumnos/as matriculados/as nos comedores escolares para o curso 2017-2018.

Repartidos por colexios; o CEIP A Maía conta con 324 alumnos/as, o CEIP Agro do Muíño ten 264 rapaces e rapazas matriculados/as neste servizo, o CEIP de Barouta dispón de 81 usuarios/as, no CEP de Ventín hai 299 nenos e nenas, e a Escola de Educación Infantil do Milladoiro conta con 205 escolares. En todos os comedores, excepto no do colexio de Barouta, hai lista de agarda. Este servizo conta con 22 traballadores (2 cociñeiros e 20 persoas de servizos xerais).

Tratamentos alimentarios especiais
O Concello de Ames dispón dunha técnica experta en nutrición e dietética que é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente, de xeito que non se repiten, e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais.

Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Ademais da rede de comedores municipal, o Concello de Ames ofrece outros servizos de conciliación durante o curso escolar. Trátase dos programas Bos Días Cole e Tardes divertidas, que se desenvolven tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria. Durante o curso 2017-2018 hai 302 alumnos matriculados no programa Bos Días Cole e 161 nas Tardes Divertidas.

Adxudicación dos servizos complementarios de educación
Para darlle continuidade a estes programas a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar o servizo da Rede municipal de comedores escolares á empresa A Billarda. Ademais, adxudicouse a esta mesma empresa o servizo de Bos Días Cole e á empresa Agora Aberta o servizo de Tardes Divertidas. Estes contratos adxudicáronse por unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prorrogas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925