Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Milladoiro acolle...


O Milladoiro acolle unha xornada de achegamento á cultura do pobo saharauí

[11-08-2017] Este xoves, entre as 17:00h e as 20 horas, a veciñanza do Milladoiro puido achegarse á cultura do pobo saharauí a través dunha xornada organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), en colaboración co Concello de Ames. Ao longo da tarde houbo música saharauí e xogos populares; asemade, tamén se realizou a cerimonia do té nunha jaima instalada ao carón da piscina municipal. Nesta xornada participaron as nenas e nenos saharauís acollidos nos concellos de Ames, Brión, Teo e Santiago de Compostela.

A actividade desenvolveuse na tarde do xoves, entre as 17:00h e as 20:00 horas, ao carón da piscina municipal do Milladoiro (na zona verde que está situada entre esta e o instituto). Ao longo da tarde, houbo música e roupas saharauís, xogos populares, realizouse a cerimonia do té e instalouse unha jaima decorada con elementos e adornos propios do Sáhara. O obxectivo era achegar á veciñanza amesá as tradicións e costumes deste pobo, así como ofrecer ás rapazas e rapaces saharauís unha tarde de diversión acompañados das súas familias de acollida. A xornada estivo organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), en colaboración co Concello de Ames.

En total, hai 326 rapazas e rapaces saharauís gozando das súas vacacións en Galicia, grazas ao programa “Vacacións en Paz”, organizado anualmente pola SOGAPS. En Ames o número de familias acolledoras creceu considerablemente nos últimos tempos, pasando dunha soa familia acolledora a 10 nun período de apenas dous anos. O propio Concello tamén aporta o seu grao de area, apoiando o programa mediante o pagamento dos billetes de avión das cativas e cativos acollidos no concello e promovendo as campañas de procura de familias acolledoras. “O concello de Ames traballa intensamente xunto coa Asociación e iso faise notar. De feito, foi o propio Concello quen promoveu a campaña de busca de familias entre as ANPAS dos Colexios, facendo que o número de familias acolledoras aumentase este ano”, afirma a coordina e voceira da asociación na zona, Esther Ibarra. 


Vacacións en paz
O programa “Vacacións en Paz” é un proxecto de acollida temporal de nenas e nenos saharauís durante os meses de xullo e agosto, co que se pretende que os cativos gocen dunha estadía agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras. Para ser unha destas familias é obrigado asistir a unhas xornadas formativas, mediante as que se afonda no conflito do Sáhara, así como na cultura deste pobo. Galicia participa desta iniciativa solidaria desde o ano 1991.


Campaña de recollida de material escolar e deportivo 
Ata finais do mes de agosto, é posible doar material escolar e deportivo para os campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf, Arxelia. O material deportivo pode ser de calquera deporte e mesmo pode estar usado, sempre que se atope en bo estado. Para facer as doazóns pódese contactar coa asociación a través do correo electrónico info@sogaps.org ou do número de teléfono 609 764 945, da voceira e coordinadora da SOGAPS na zona, Esther Ybarra.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925