Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Arredor de 250...


Arredor de 250 padexeiros e padexeiras participarán este domingo no XXXII Descenso do Tambre de piragüismo de Ames

[12-08-2017] A praia fluvial de Tapia acolle este domingo, 13 de agosto, a XXXII edición do descenso do Tambre. Arredor de 250 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organizan esta competición que chega a súa trixésimo segunda edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 16:00 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil desenvolverase a partir das 17:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que poden participar nesta proba son K-1 e C-1.

O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta e dous, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 16:00 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames), e no que está previsto que participen arredor de 80 padexeiros/as.

No descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, xuvenil e cadete), kaiak muller (sénior, xuvenil e cadete) e canoa home (sénior, xuvenil e cadete). De seguido, a partir das 17:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento, na que está prevista a participación de 170 rapaces e rapazas. Na proba de circuíto, que se desenvolverá na propia praia fluvial de Tapia, poderán participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto contará cunha distancia dun quilómetro e medio.

Unha vez finalizadas todas as probas, farase a entrega de premios que está prevista para as 20:30 horas, aproximadamente. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2017 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club puido inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros/as que consideraron oportuno, sen límites.

Recollida de dorsais

A recollida de dorsais realizarase entre as 13:30 e as 14:30 horas nas instalacións da praia fluvial. Ao final da regata daráselle a cada participante unha bolsa con avituallamento. Nesta edición está previsto que participen arredor de 250 padexeiros/as de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre e, como en anos pasados, serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.

Para máis información pódense poñer en contacto co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre chamando aos número se teléfono 625 398 575 e 626 644 037 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Outra opción é poñerse en contacto coa Federación Galega de Piragüismo a través do número de teléfono 986 84 21 06 ou no enderezo electrónico kayak-canoa@fegapi.org.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925