Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue

[11-08-2017] O Concello de Ames e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan de novo a participación nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. A unidade móbil de doazón estará os días 17 e 18 de agosto no Milladoiro e os días 24 e 25 en Bertamiráns.

Ames acadou 43 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2016 e o obxectivo é manter este elevado nivel de solidariedade, por riba das cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por 1.000 habitantes).

Dende a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos agradecen a implicación das persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

Ademais, o verán é a época de maior dificultade para a doazón de sangue. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e veciñas e, por iso, o Concello de Ames distribuirá unha carta informativa entre a veciñanza. Poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos. O persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón de sangue.

A unidade móbil do CTG estará en Ames
Para pode colaborar coa campaña #súmatedoasangue unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá o xoves 17 e mailo venres, 18 de agosto, ao Milladoiro. O vehículo estacionará na rúa da Curuxa (ao carón de Supermercados El Árbol) en horario e 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas.

Ademais, o xoves 24 e o venres 25 de agosto, a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará estacionada na avenida da Maía, ao carón da praza da Maía, en horario de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925