Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Comezan os traballos...


Comezan os traballos para habilitar unha nova área de estacionamento detrás da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns

[10-08-2017] Esta semana comezaron os traballos de acondicionamento para habilitar unha nova zona de estacionamento detrás da rúa Alcalde Lorenzo, na localidade de Bertamiráns. A través desta actuación vaise ampliar o actual leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Co acondicionamento desta nova parcela vanse incrementar en máis de 150 o número de prazas de estacionamento neste céntrico lugar de Bertamiráns. O obxectivo do goberno municipal é dispor de máis prazas de aparcamento para mellorar o tránsito peonil e promocionar o comercio amesán.

Esta actuación enmárcase dentro dun plan de mellora e ampliación da áreas de estacionamentos dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, a finais do pasado mes de xuño finalizaron os traballos de pintado para reordenar as prazas de aparcamento na contorna do pavillón polideportivo de Bertamiráns. A través destes traballos habilitáronse 82 prazas de estacionamento para vehículos, 2 para persoas con diversidade funcional e 4 para motocicletas. Estas tarefas enmarcáronse dentro das actuacións acordadas coa comunidade educativa do CEIP A Maía para mellorar a seguridade viaria na contorna deste centro educativo, xa que motos pais/nais aparcan neste aparcadoiro para ir andando ata este colexio.

Estas actuacións continúan agora durante o mes de agosto coas obras para habilitar unha nova zona de estacionamento detrás da rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. A parcela na que se está traballando está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Previamente, o goberno municipal estivo negociando cos propietarios desta parcela de 4.400 metros cadrados co obxectivo de conseguir unha cesión temporal desta finca. O obxectivo é que poida ser usada como aparcadoiro e para desenvolver nela diferentes actividades municipais.

Por outra banda, o goberno municipal está traballando na mellora doutras áreas de aparcamento como é a que se atopa ao carón do campo de fútbol do Milladoiro. Neste lugar vanse realizar traballos de pintado. Asemade, nesta área executáronse unhas escaleiras que unen o polígono do Novo Milladoiro con dito aparcadoiro co obxectivo de que poida ser usado ao longo de toda a semana tanto polos usuarios/as do campo de fútbol como das persoas que traballan no parque empresarial do Milladoiro. O goberno tamén está traballando na reordenación dos espazos verdes do devandito polígono para crear novas prazas de estacionamento.

Por último, no Milladoiro tamén se van a reordenar as prazas de estacionamento do aparcamento do Supercor e ampliar o aparcadoiro que se atopa entre as rúas Agro da Madalena e Cereixos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925