Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A concellaría...


A concellaría de Obras e Servizos presenta unha App destinada a mellorar a comunicación de incidencias

[21-07-2017] “Concello Ames – Obras e Servizos” é o nome da nova aplicación. Calquera veciño ou veciña pode baixala ao seu dispositivo móbil, tablet ou teléfono, e a partir de aí establecer comunicación directa co departamento de Obras e Servizos do Concello de Ames. A finalidade é a de conseguir que a información sobre incidencias chegue ao departamento dun xeito rápido, directo e eficaz e que a veciñanza teña unha canle cómoda e sinxela para comunicala. A nova App nace no departamento de obras pero inclúe outras informacións de interese entre as que se atopan os contactos de diferentes servizos municipais e a axenda de actos do concello. A aplicación permite ademais que, logo de rexistrarse, o usuario/a poida subscribirse ao servizo de notificacións, onde se lle avisará ao momento daquelas cuestións importantes que acontezan no municipio. A aplicación é totalmente gratuíta.

Saber ao momento que se vai cortar unha rúa ou que se suspende un acto por mor da climatoloxía, mercar unha entrada na billeteira municipal, picar nun aceso directo que nos leve a poder pedir cita previa ou saber que farmacia está de garda na fin de semana son algunhas das outras vantaxes que ofrece a nova app que esta mañá presentaban en rolda de prensa o alcalde de Ames Xosé Miñones e o concelleiros de Obras e Servizos Básicos, Blas García. A ferramenta, destinada en primeira instancia a aproximar as dinámicas do Concello á poboación amesá e a recibir da cidadanía información sobre incidencias, xa pode descargarse tanto para o sistema operativo Android, a través da Play Store, como para os dispositivos iOS, na App Store.

Unha vez descargada a aplicación, aparece a interface, na que se poden distinguir as seguintes categorías: Envío de Incidencias, Goberno, Departamento de Obras e Servizos, Contactos de Interese e Axenda. Para enviar estas incidencias, haberá que entrar na súa correspondente lapela. Cada usuario ou usuaria deberá rexistrarse aportando os datos do seu teléfono e dirección de correo electrónico para que o Concello poida contactar con eles posteriormente. Á hora de facer o envío haberá que concretar a incidencia, situándoa nas categorías e subcategorías que ofrece a App e explicando brevemente a o problema. O remitente poderá adxuntar unha foto e estase traballando para que nun futuro se poida anexar tamén a xeolocalización da incidencia. Unha vez tramitada a incidencia, o Concello analizaraa e actuará en consecuencia. “Estamos pensando incluso na creación dunha brigada de actuación rápida se vemos que son moitas as demandas a traves da App”, manifesta o alcalde de Ames Xosé Miñones.

“Unha das cuestións que levabamos no programa de goberno era a de dar impulso ás novas tecnoloxías e especialmente aos aplicativos dirixidos ao móbil, que sexa o móbil o preferente porque é o que se está a utilizar no día a día; neste senso pensamos en traballar nunha aplicación informática sobre o concello que albergara diferentes servizos. Empezamos por esta de obras e servizos, traballamos tamén nesta liña sobre a tarxeta cidadá e en breve presentaremos unha de turismo. A xente demandaba coñecer en que estado están cada unha das cousas que solicitan e demandaba sobre todo unha aplicación para o envío de incidencias. A App ten ademais a posibilidade de ir incrementando varios servizos que poidan ser demandados pola cidadanía”, engade o alcalde.

“O que pretendemos é ter unha comunicación cada vez máis directa coa veciñanza, queremos que cada vez que se detecte unha incidencia os veciños e as veciñas teñan a facilidade de comunicalas dun xeito rápido e eficaz”, declara Blas García, concelleiro de Obras Públicas e Servizos.“Acontece ás veces -engade Blas- que coas novas tecnoloxías, unha persoa sube unha foto a unha rede social e xa pensa que con iso o concello ten que tomar coñecemento coma se a comunicación se establecese por algunha das canles establecidas para ese fin e que son o rexistro municipal, o correo de atención veciñal (atencioncidada@concellodeames.gal) , a comunicación presencial no departamento de obras ou a chamada á Policía Local; pois ben, a nova APP é un xeito directo, rápido e eficaz que permite á veciñanza dar conta de calquera suceso en calquera lugar a través do móbil e que complementa as outras canles de comunicación coa cidadanía”.

A empresa que ralizou a aplicación é Micromedia de Santiago de Compostela.







Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925