Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Continúan a...


Continúan a desenvolverse con éxito as “Tardes de Xogo con Apego na Rúa”

[17-07-2017] O raposo e a galiña, a mariola, o corro, a bomba, as chapas, a corda e o zapatiño inglés. Xogos, cancións e enredos. As “Tardes de Xogo con Apego na Rúa” que, organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística ao abeiro do programa Apego, se desenvolven en Bertamiráns e no Milladoiro desde finais do mes de xuño, están provocando que moitas familias de Ames afiancen a relación coa lingua desde os espazos de lecer e divertimento. A actividade que se prolongará até o 19 de xullo, está dinamizada polo colectivo Xandovela.

A rapazada que, acompañada dos papás e as mamás, acude estas semanas ás “Tardes de Xogo con Apego na Rúa” na praza da Maía en Bertamirás e na praza da Costa Grande no Milladoiro aprende a desenvolverse en galego con naturalidade no tempo de xogo. As familias que xa utilizaban o idioma, tamén nestas circunstancias, comparten o gusto de facelo e os coñecementos propios. As familias neofalantes amosan a súa satisfacción por aprender. “Hai papás e mamás que non coñecían ningunha das cancións que cantamos, e iso que cantamos as máis populares, e agora estannos pedindo máis para poder continuar cantando e xogando en galego na casa”, manifesta Clara Rei García, do colectivo Xandovela, pouco antes de pasarlle a pelota ao meniño que ten ao seu carón na praza da Maía e berrar “bombaaaa”, para deseguido poñerse a cantar “O Galo canta”.

“Cantamos cancións como a de “O galo”, “A vaca Marela” e “Se chove deixa que chova”; repetímolas moitas veces para que tanto os papás e as mamás como os meniños e as meniñas a adopten no seu repertorio de xeito natural; estamos moi contentas sobre todo polo interese que están algunhas das familias que até de agora non utilizaban a nosa lingua á hora de xogar e que agora, dinnos, xa comezan a facelo acotío na casa a través dos nosos enredos e as nosas cancións”, manifesta Clara, quen tamén nos conta que nestas semanas que o Apego leva xogando na rúa coas familias de Ames establecéronse vínculos de confianza moi estreitos entre as familias: Estes vínculos e o ambiente distendido que se crea nos xogos facilita que os papás e as mamás se solten e se permitan facer o parvo, o que en definitiva axuda moito no proceso de aprendizaxe e de afianzamento tantos xogos populares que tentamos recuperar e transmitir para que non se perdan como da propia lingua.

Os participantes nas “Tardes de Xogo con Apego na rúa” teñen tamén a oportunidade de aprender ademais de xogos tradicionais, xogos de diferentes partes do mundo. Ademais aprenden a construír sinxelos xoguetes e instrumentos musicais e, en definitiva, recuperan a rúa como espazo de lecer.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925