Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O IES do Milladoiro...


O IES do Milladoiro acada o distintivo “Selo de Vida Saudable” que outorga Ministerio de Educación

[15-07-2017] O Ministerio de Educación concede o distintivo de calidade “Selo de Vida Saudable” como recoñecemento público a aqueles centros docentes que fomentan a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, potencian as prácticas de vida saudable e a educación física cara a conseguir un axeitado desenvolvemento persoal e social no tempo de escolarización do alumnado. Este ano, o Ministerio concedeu o distintivo a 41 Institutos españois. Entre a listaxe de galardoados hai catro Institutos galegos. O IES do Milladoiro é un deles.

Con tan só catro cursos de vida ás costas, o IES do Milladoiro ven de acadar unha distinción que o sitúa como un dos mellores Centros Educativos no que atinxe ás prácticas e ao fomento de comportamentos e actitudes de vida saudable. “Este un premio para toda a comunidade educativa do Milladoiro, para os profesores e para o alumnado, para os pais e para todo o tecido social que desde o inicio apoiou ao centro en cantas iniciativas propoñemos”, declaraba na Radio Municipal o director do IES Victor Santidrián, quen, con humildade, matizaba que era o segundo ano que optaban ao “Selo de Calidade” e dicía que durante todo este tempo non deixaron de traballar para acadar mellores resultados “non só para o premio, senón para o beneficio dos nosos alumnos e as nosas alumnas e de toda a comunidade educativa”.

O concepto de saúde no IES do Milladoiro trabállase desde as perspectivas psicolóxica, biolóxica e social, segundo conta Satidrián: “Estamos atentos a estes tres aspectos que consideramos fundamentais á hora de falar de saúde”. Santidrián recorda o TEI, “programa de titoría entre iguais posto en marcha xa no curso pasado que consistía en que os alumnos de 3º da ESO coidaban aos de 1º”, o convenio co Concello que propicia que rapaces e rapazas con condutas disrrutivas poidan suplir a expulsión por traballos á comunidade e a Rede Milladoiro, que, posta en marcha polo propio Instituto, reúne nunha gran mesa de traballo ás institucións e a todos os axentes sociais da vila coa finalidade de fomentar e facilitar a saúde e a convivencia.

Moitos departamentos do IES están implicados na saúde e no benestar. Basta salientar que este ano o lema do Centro Educativo foi:“A vida saudable base dunha boa convivencia”. Cómpre suliñar ademais, os programas “Meteoescolas”, “Taller de Educación afectivo sexual””, “Formación da Rede Galega de Centros de Reanimación cardiopulmonar na aula”,“Olimpiada de Convivencia”, “Talleres de Alimentación e nutrición”, rutas de sendeirismo e “Almorzos Saudables” que organiza o departamento de Ciencias Naturais e a través dos que o alumnado aprende nocións de dietética e de nutrición. Estas foron algunhas das actividades que se realizaron no centro este curso, que recolle a memoria presentada para optar ao distintivo e que en definitiva propiciaron que o IES do Milladoiro xa poida presumir de “Selo de Vida Saudable”.



Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925