Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Diferentes...


Diferentes iniciativas para fomentar a reciclaxe tiveron lugar en Bertamiráns e no Milladoiro da man da Tropa Verde

[15-07-2017] Durante a semana pasada tanto na Praza do Concello de Bertamiráns, como na rúa Agro do Medio en Milladoiro tiveron lugar varias iniciativas para fomentar a reciclaxe entre a veciñanza amesá.

Tanto no Milladoiro como en Bertamiráns realizouse unha acción de rúa consistente no reparto de diferentes plantas como leitugas e repolos. Durante o reparto, tamén se entregaron chapas da Tropa Verde Ames, panfletos con información e estrelas (para acumular e trocar por agasallos e descontos) e aproveitouse para informar das vantaxes que ten formar parte da comunidade Tropa Verde. En total repartíronse 100 plantas e as que sobraron leváronse a aula de natureza da aldea de Quintáns, para así poderen ser aproveitadas polas nenas e nenos do campamento urbano.

En Bertamiráns tivo lugar o xogo “Procura do Tesouro coa Tropa Verde”, onde participaron un grupo de 15 rapaces e rapazas que se inscribiron o propio día na Praza do Concello. Para os gañadoras ou gañadores do xogo houbo tres premios. O primeiro premio consistiu nun xogo científico de casa solar (Science4you), un cupón Tropa Verde cheque regalo do Gadis con 10 euros de desconto, unha chapa da Tropa Verde de Ames e máis un cheque Tropa Verde con 10 estrelas. O segundo premio foi semellante ao primeiro, só que incluíu un xogo científico de avión (Science4you), en vez do da casa solar. Por último, o terceiro premio consistiu no cheque regalo do Gadis con 10 euros de desconto, unha chapa Tropa Verde de Ames e un cheque de Tropa Verde con 10 estrelas.

O proxecto Tropa Verde continúa a medrar en Ames
O proxecto Tropa Verde segue a crecer no noso concello grazas, en boa parte, a todas estas iniciativas. O seu obxectivo principal é concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos, ao mesmo tempo que se tenta potenciar o comercio local.

A día de hoxe a Tropa Verde de Ames conta con 265 usuarios e 65 establecementos colaboradores que reparten premios e agasallos. No total, xa son 60 premios de máis de 650 cheques repartidos. Quen queira formar parte da comunidade da Tropa Verde, pode inscribirse a través da páxina web www.tropaverde.org.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925