Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Entréganse os...


Entréganse os premios da primeira edición de Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede

[27-05-2017] Este pasado venres, 26 de maio, no Teatro Principal de Ourense tivo lugar a entrega de premios do Concurso de vídeos na Rede, Youtubeir@s. No transcurso da noite entregáronse os dous premios principais valorados cun trofeo e 1.000 euros. Tamén se anunciaron as catro mencións honoríficas cun premio de 500 euros cada unha. Un videotitorial de como facer un guiso Anti-San Valentín e un vídeo sobre o conflito da praga da couza guatemalteca fanse cos premios desta primeira edición de Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede.

No acto, presentado pola actriz Iria Pinheiro, fixéronse innúmeras referencias ao mundo youtubeiro e aos seus códigos e predominou a ironía e o humor. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mistura cos vídeos participantes en directo. O acto contou con máis de 200 persoas entre concursantes e representacións institucionais dos concellos e das Universidades promotoras do concurso.

A deliberación do xurado, entre máis de 200 vídeos presentados, resultou complicada. Finalmente, as pezas gañadoras foron, na categoría vídeo-facermos, para “Guiso especial Anti-San Valentín” realizado polas youtubeiras de Corasón de Churrasco, e na categoría vídeo-opinarmos, o premio foi para “Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca” presentado polas youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño. Estes dous premios foron entregados por dous membros do xurado, María Yáñez e Manuel Núñez Singala.

As mencións honoríficas foron entregadas pola Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Ourense, María Belén Iglesias, e o Concelleiro de Normalización de Pontevedra, Alberto Oubiña. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega co seu vídeo “SmartFol G6! Unha Review moi especial” e o premio que destaca a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial “Tortilla de Pascua” da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez González pola súa vídeo-opinión “1000 rpm – A noite” e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva “Seis pasos para falar malpicán”.

Youtubeir@s - Concurso de vídeos na Rede remata a súa primeira edición cunha ampla e variada participación. Este concurso é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925