Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O alumnado...


O alumnado amesán tende ao sol arredor de 100 poemas galegos ilustrados no paseo fluvial de Bertamiráns e nos Camiños Portugués e de Fisterra

[23-05-2017] O alumnado e profesorado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames realizaron unha selección de poemas de escritores e escritoras en lingua galega que teñen como temática xeral a natureza. Nesa selección tamén se incluíron algúns poemas creados pola propia rapazada. Os poemas plasmáronse en siluetas de lona con forma dunha peza de roupa e todas esas pezas de roupa, convertidas en obras de arte, colgáronse nos tendais dispostos polo Concello no paseo fluvial de Bertamiráns, na Travesía do Porto do Milladoiro e no Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte. A exposición artístico poética ao aire libre permanecerá nos tendais ata o día 20 de xuño para que toda a veciñanza e todas as persoas que visiten o noso concello poidan gozar da frescura das nosas letras. Esta actividade encádrase no programa das Letras Galegas do Concello de Ames.

O alumnado e profesorado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames realizaron durante as últimas semanas unha selección de poemas de escritores e escritoras en lingua galega que teñen como temática xeral a natureza. Nesa selección tamén puideron incluír poemas creados pola propia rapazada. A selección de poemas (un ou dous por cada aula) plasmouse nunha silueta de lona con forma de peza de roupa. Por un lado da silueta está o poema e por outra unha ilustración realizada polo alumnado de cada unha das aulas. Así se foi creando o Tendal de Poemas, entre ríos e camiños que a partir de hoxe e ata o día 20 de xuño se pode visitar en diferentes lugares do Concello de Ames.

Todas as pezas de roupa con poemas colgáronse nos tendais dispostos polo Concello, entre árbores, en lugares frecuentados pola veciñanza e polos turistas. O alumnado do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, e das escolas unitarias de Ortoño e Covas tenderon os seus traballos no paseo fluvial de Bertamiráns. Os rapaces e rapazas do CEIP de Barouta colocáronnos nos tendais do monte escolar de Carballo, ao lado do Camiño de Fisterra, e por último, os nenos e nenas da EEI do Milladoiro tenderon os seus poemas no Camiño de Santiago ao seu paso pola Travesía do Porto.

Esta actividade converterase, xa que logo, nunha intervención artístico - poética ao aire libre realizada polo alumnado de Ames para que poida gozar dela toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo concello. Na organización e coordinación da actividade colaboran os ENDLG dos centros de participantes, a Aula da Natureza e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

Os obxectivos desta actividade, que se encadra dentro do progrma das Letras Galegas do Concello de Ames, son dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de infantil e primaria, e entre toda a veciñanza en xeral. A través desta inicitiva tamén se pretende fomentar a creatividade en lingua galega; contribuír ao achegamento, á difusión e a visibilización da poesía galega; e sensibilizar sobre o respecto e o coidado do medio e do noso patrimonio natural e cultural.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925