Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Arredor de 50 nenos e...


Arredor de 50 nenos e nenas participarán na xornada de karate infantil e xuvenil que se celebra este sábado en Bertamiráns

[19-05-2017] O CD Karate Ames exerce de anfitrión da xornada de karate infantil e xuvenil que se vai desenvolver este sábado, 20 de maio, no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 16:30 a 18:00 horas. Trátase dunha tarde de convivencia na que medio centenar de nenos e nenas, de entre 3 e 13 anos, amosarán as habilidades e coñecementos adquiridos durante todo o curso. Ademais do CD Karate Ames participarán destas xornadas os clubs Bushi-Kai e a Asociación Deportiva Galaica, de Santiago de Compostela.

As xornadas de karate infantil e xuvenil foxen da competición máis pura para converterse nun espazo de convivencia, onde compartir experiencias e dar a coñecer as técnicas aprendidas ao longo do ano. Os 50 karatekas que participarán desta iniciativa dividiranse en dous tatamis en función das idades, onde o público asistente poderá observar as destrezas dos rapaces e rapazas a través de xogos de habilidade, kata e aplicacións, pre-kumite e shiai.

Para o presidente do CD Karate Ames, Javier García, as xornadas “non se basean na competición nin na exhibición. Son unhas xornadas técnicas nas que, en vez de competir, os rapaces e rapazas compartirán experiencias a nivel de grupo, por parellas e de xeito individual. É unha fórmula que puxemos en práctica o ano pasado e tivo moi boa acollida, xa que os pais e nais poden ver a evolución dos nenos e nenas e os coñecementos adquiridos ao longo de todo o curso”.

Javier García engade que “con esta fórmula pretendemos que os rapaces e rapazas de distintos ximnasios se poñan en contacto e compartan experiencias nun ambiente moi relaxado e distendido. Así, haberá xogos, probas de velocidade, coordinación ou resistencia, que en moitos casos os nenos e nenas farán de forma grupal ou en parella”. Esta xornada de karate infantil e xuvenil está organizada polo CD Karate Ames e conta coa colaboración do Concello de Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925