Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Concellaría...


A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha unha campaña de sensibilización para concienciar aos donos dos cans da necesidade de recoller os excrementos dos animais

[20-05-2017] O Concello de Ames deseñou unha nova campaña para concienciar aos propietarios de mascotas da importancia de recoller os excrementos dos seus animais. Preténdese insistir na necesidade de respectar os espazos públicos e de lecer, así como as beirarrúas onde a presenza de excrementos está a comenzar a ser un problema hixiénico-sanitario. Nesta iniciativa colabora a Policía Local que vai extremar a vixilancia neste eido, e se é preciso, sancionará aos veciños e veciñas que incumpran á normativa. As sancións poden ir dende os 100 ata os 500 euros. A campaña quere incidir e insistir sobre os riscos sanitarios e ambientais que supón o abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes.

Os problemas derivados de deixar os excrementos das nosas mascotas no chan son variados. Principalmente, isto ocasiona problemas sanitarios -os excrementos son focos de infección, podendo transmitir enfermidades ás persoas, especialmente aos máis pequenos, ou a outros animais- e ambientais -o seu abandono provoca contaminación acuática, ademais de visual e olfactiva-. Os excrementos deixados nas rúas ou nas zonas verdes dificultan ademais as labores de limpeza, e supoñen un perigo para as persoas, que poden esvarar con eles.

Debido a iso a concellaría de Medio Ambiente puxo en marcha unha campaña para tratar de implicar á veciñanza amesá e concienciar ás persoas que son propietarias dalgunha mascota da importancia que ten limpar e recoller os excrementos dos seus animais. A través desta iniciativa preténdese marcar un punto de inflexión comezando polo cumprimento da normativa, establecida na Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que garantan por parte de todos uns espazos públicos limpos e protexidos.

O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, explica que “cando eludimos a nosa obrigación de recoller os excrementos das nosas mascotas pensando que poden servir como abono para os espazos verdes, o que estamos a facer é converter as zonas de lecer en focos de insalubridade. A transmisión de moitas enfermidades de animais domésticos realízanse polas feces, se non se recollen os excrementos estamos a expoñer ás persoas, en especial os mais pequenos, a posibles focos de infección, o que deriva en problemas sanitarios”.

Por outra banda, o abandono dos excrementos das mascotas nas vías e espazos públicos implican problemas de contaminación, non só visual e olfactiva senón tamén acuática ao entrar en contacto cos acuíferos. Ademais, cando se abandonamos as defecacións nos espazos públicos estase a dificultar as tarefas de limpeza municipais, ademais de supoñer un risco para a integridade física dos viandantes, sendo motivo frecuente de escorregar ou caer.

Campaña de vixilancia e sanción
Deste xeito, o incumprimento da normativa, tipificada como infracción leve, vai ocasionar sancións a todas aquelas persoas que non respecten a súa obriga de recoller os excrementos dos seus cans. Nesta iniciativa colabora a Policía Local que vai extremar a vixilancia neste eido. As sancións económicas irán dende os 100 ata os 500 euros, segundo se recolle na modificación de lei 1/93da lei 8/2014 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, na que se citan as mencionadas sancións. Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da administración xeral da comunidade autonómica por infraccións da devandita lei deberán destinaranse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección de animais.

Javier García finaliza dicindo que “para unha mellor calidade de vida e unha mellor convivencia entre mascotas, propietarios e veciños, é necesario concienciarse da importancia de recoller as defecacións dos animais das beirarrúas, zonas verdes e demais espazos de lecer, contribuiremos tamén a mellorar a imaxe do noso Concello”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925