Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Inscríbete na...


Inscríbete na charla-obradoiro sobre a importancia dos procesos madurativos en nenos/as de 0 a 3 anos

[18-05-2017] A Concellaría de Normalización Lingüística, dentro do programa Apego, está organizando para o vindeiro luns, 29 de maio, ás 18:00 horas, unha charla-obradoiro de achegamento práctico aos procesos madurativos que se dan en nenos/as de 0 a 3 anos e que asentarán a personalidade futura. Este actividade desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e será impartida por Itos Lorenzo, psicomotricista infantil e psicóloga clínica. Está dirixida a pais/nais con nenos/as de 0 a 3 anos e a futuros pais/nais. As inscricións poderanse facer ata o 24 de maio enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome das persoas participantes e un número de teléfono de contacto. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.

O vindeiro luns, 29 de maio, ás 18:00 horas, desenvolverase unha charla-obradoiro sobre a importancia dos procesos madurativos que se dan nos nenos/as de 0 a 3 anos e que marcarán a personalidade futura do rapaces e rapazas. Trátase de achegarnos dun xeito práctico ao corpo e á expresividade motriz cunha mirada diferente para comunicarnos e acompañar a nenas e nenos de 0 a 3 anos. Esta actividade, que será impartida por Milagros Lorenzo, psicomotricista infantil e psicóloga clínica, enmárcase dentro da programación infantil con Apego que desenvolve o Concello de Ames.

A charla-obradoiro está dirixida a pais/nais con nenos/as de 0 a 3 anos e a futuros pais/nais. As inscricións poderanse facer ata o 24 de maio enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome das persoas participantes e un número de teléfono de contacto. As prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de inscrición. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.

Contidos da charla-obradoiro
A actividade comezará cunha pequena charla na que se abordarán os procesos madurativos que se producen ata os tres anos (adquisición dunha imaxe persoal, da identidade e da unidade corporal), falarase sobre o período sensoriomotor cunha mirada ao corpo como unificador da experiencia e tratarase o desenvolvemento neuronal na etapa de 0 a 3 anos na que nacen un elevado número de circuítos de aprendizaxe. Itos lorenzo achegaranos tamén claves para interpretar mellor a comunicación preverbal (tono, actitude, xestos, movementos, espazos, obxectos…) e reflexionaremos sobre a comunicación como apertura á socialización e sobre a relación entre a evolución da comunicación e o avance no xogo.

A segunda parte será unha experiencia vivenciada a través dun xogo de rol, na que os papás e mamás asistentes terán que pórse na pel dun cativo ou cativa de 0 a 3 anos. A actividade rematará cunha posta en común dos temas tratados e coa solución de dúbidas que poidan ter as persoas asistentes.

Programa Apego
Esta actividade encádrase no programa Apego, un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais a través do sitio web www.apego.gal.

Ademais de facilitar información, materiais e recursos, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais, coma este obrdoiro, e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas.

Calquera familia interesada no programa, con nenos/as de 0 a 6 anos ou que estea agardando un bebé, pode dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüistica a través do correo normalizacion@concellodeames.gal para inscribirse e e recibir información sobre o programa e sobre todas as actividades e recursos dispoñibles.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925