Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal asina un convenio coa Deputación da Coruña para a representar en Ames os espectáculos da Rede Cultural 2017

[17-05-2017] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, asinou esta semana na Coruña un convenio coa Deputación da Coruña que permitirá a representación en Ames de varios espectáculos que están incluídos dentro da Rede Cultural de 2017. A celebración de ditos espectáculos terá un custo de 42.125,67 euros, dos cales a Deputación achegará unha subvención de 16.850,26 euros, que permite sufragar o 40%, mentres que o Concello de Ames porá o 60% restante que ascende a contía de 25.275,40 euros.

A Rede Cultural de 2017 recolle a realización de actuacións de teatro, monicreques, música, danza e producións audiovisuais. As propostas divídense en varios programas. En primeiro lugar, "Escena ao Vivo", que recolle un ciclo de espectáculos de intérpretes profesionais de música; un programa de espectáculos de compañías profesionais de danza; e un programa de espectáculos profesionais de teatro e monicreques. En segundo lugar, existe o apartado de "Alicerces", que inclúe espectáculos de compañías non profesionais, e en terceiro lugar, de recente creación, está o programa "Visións", de contidos audiovisuais, que recolle actuacións de produción propia e de producións xerais.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “a sinatura deste convenio permite a mellora da programación cultural do Concello de Ames que se desenvolve ao longo de todo o ano. Deste xeito, Ames contará cunha programación de gran calidade e para todos os públicos. Agardemos que todas as actividades e espectáculos que se van a representar de aquí a final de ano, segan tendo o mesmo éxito que os organizados ata o de agora, xa que en todos eles se completou o aforo”.

Dentro do apartado de "Alicerces" o Concello de Ames beneficiase da actuación da banda da Escola de música de Rianxo, da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), do espectáculo de O Catre Teatro (Asociación cultural Alende), e do espectáculo teatral de Andaina Mental (Asociación Andaina Pro Saúde).

Programa “Escena ao Vivo”
Por outra banda, a través do programa “Escena ao Vivo” o Concello de Ames disporá de 11 espectáculo. Dentro do ciclo de espectáculos de intérpretes profesionais de música actuarán en Ames os Heredeiros da Crus, A Familia Caamagno e A Compañía do Ruído. As actuacións destes tres grupos de rock galego, xunto co grupo Medomedá, están incluídas no Millarock deste ano.

Ademais, neste mesmo programa está incluído o espectáculo (de música, manipulación de libros, interacción co público, bailes e cancións) de María Faltri que foi representado no Día do Libro; a actuación que farán As Tanxugueiras nas Noites en Velas de 2017; e mailo espectáculo O paxaro amigo de Mama Cabra.

A través do programa de espectáculos de compañías profesionais de danza chegará a Ames o espectáculo de Pablo Díaz e o espectáculo musical para bebés Percubebé. Por último, dentro do programa de espectáculos profesionais de teatro e monicreques, están incluídas as actuacións de Pistacatro produtora de soños, do mago Román García e de Kiko Pastur: Somorgujo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925