Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello vai...


O Concello vai instalar un parque biosaudable en Bertamiráns e outro no Milladoiro

[20-04-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dos traballos necesarios para instalar un parque biosaudable no paseo fluvial de Bertamiráns e outro na área deportiva do Milladoiro, que está situada ao carón da Casa da Cultura e do pavillón polideportivo desta localidade. Estas obras foron adxudicadas á empresa Lappset España VR por un importe de 20.071,63 euros. Deste xeito, preténdese crear unha zona en cada localidade onde se concentren tanto nenos/as coma adultos para poder dispor de elementos de ocio e practicar deporte.

O conxunto de actuacións que se pretenden realizar, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro, teñen por obxecto o acondicionamento dunha zona verde dedicada a parque biosaudable a través da instalación de volantes, esquís, pony/remo, cintura, ascensor/pectorais, andador elíptico e barras fixas. Para a correcta instalación dos devanditos equipos haberá que realizar varias actuacións sobre o terreo como son o acondicionamento da explanación, aplicar unha capa de base de 20 centímetros de zahorra, para de seguido botar unha capa de formigón armado de 15 centímetros, e un acabado con pavimento de seguridade continuo de caucho para prever ante posibles caídas dos usuarios/as.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “se ten detectado a necesidade destas instalacións que están dirixidas á poboación adulta e da terceira idade e por iso decidimos sufragar a través do Plan de Acción Social da Deputación estas obras. Cremos necesario que a veciñanza realice actividade física porque é un xeito de levar a cabo unha vida saudable. No Milladoiro xa existe un parque destas características na rúa Costa Grande, que está situada ao carón do cuartel da Garda Civil, pero cremos que é conveniente instalar outro parque biosaudable na zona norte do Milladoiro, así como no paseo fluvial de Bertamiráns”.

O obxectivo do goberno municipal é concentrar os lugares de ocio e deportivos de todas as franxas de idades na mesma área. Así, en Bertamiráns o parque biosaudable estará situado no paseo fluvial por ser un lugar que empregan moitos veciños e veciñas para camiñar e debido a que neste lugar tamén hai unha pista polideportiva e un parque infantil, o que permite que os nenos/as se divirtan ao tempo que os adultos fan deporte. Por outra parte, no Milladoiro este parque estará situado na zona norte do Milladoiro, ao carón da Casa da Cultura, do pavillón, e das piscinas descubertas desta localidade.

Ao respecto deste tema, Blas García incide en que “estamos traballando para ordenar esta área deportiva do Milladoiro co obxectivo de converter este lugar nunha zona de ocio e lecer para todos os veciñas e veciñas do Milladoiro. Queremos crear neste lugar unha gran zona verde que estea aberta á Travesía do Porto, a que poidan acudir nenos/as, pais/nais e aos avós e avoas. Está claro que O Milladoiro necesita unha zona de esparexemento que é gran reclamación que nos fan os seus veciños”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925