Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O pleno aproba de...


O pleno aproba de xeito inicial o orzamento de 2017 que supera os 23 millóns de euros e blindan os servizos sociais

[19-04-2017] Este martes, 18 de abril, celebrouse un pleno extraordinario para debater a aprobación inicial do orzamento municipal de 2017 do Concello de Ames, que acada os 23.294.000 euros e blinda a partida de servizos sociais incorporando unha partida para a nova renda social municipal. O presuposto saíu adiante co voto a favor dos nove membros do goberno municipal e dos catros edís do grupo municipal de Ames Novo. O goberno aposta con este presuposto polas políticas sociais, o rescate do servizos públicos e a participación veciñal.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de abrir o debate. Na súa primeira intervención destacou as grandes cifras deste documento económico, que respecto ao presuposto aprobado en 2012, recolle un forte incremento nas cifras de gastos de 1.745.000 euros (8,10%) e de ingresos de 1.238.000 euros (5,62%). Otero salientou que “este incremento débese fundamentalmente a unha clara aposta pola blindaxe dos servizos sociais incrementando notablemente o crédito asignado a área de servizos sociais, que neste orzamento supera os 2.000.000 euros, e que inclúe varias actuacións como son a creación dunha renda social municipal para dar resposta ás persoas que están en situación de risco de exclusión, dotando para este ano unha partida de 121.000 euros, e que comezará a aplicarse no momento no que se aprobe unha nova ordenanza. Trátase dunha iniciativa conxunta e compartida co grupo municipal Ames Novo co que se negociou o orzamento municipal”.

Genma Otero continuou dicindo “outras medidas incluídas neste documento son o incremento en 18.262 horas ao ano do servizo de axuda no fogar e por primeira vez haberá crédito para o alugueiro dunha vivenda social, para persoas e familias en situacións de emerxencia e vítimas de violencia machista. Ademais, habilítase unha partida de 100.000 euros para o acondicionamento dun local municipal dedicado a vivenda social e increméntanse as axudas e subvencións creando un crédito de 40.500 euros para as entidades que colaboran na promoción e apoio social, abrindo unha liña nova de subvencións de concorrencia competitiva. Tamén se vai reforzar o capítulo de persoal na área de servizos sociais coa contratación dun novo/a traballador/a social e a ampliación da xornada da actual educadora familiar. Hai que salientar a implantación do programa Xantar na casa para garantir unha alimentación equilibrada e de calidade das persoas maiores e dependentes que non teñen apoio familiar e habilitase unha nova partida de 40.000 euros para a rehabilitación de infravivendas”.

No apartado de investimento a concelleira de Economía e Facenda destacou que, a través do capítulo seis que supera os 2.300.000 euros, vanse a realizar importantes melloras nas infraestruturas e servizos, saneamento, abastecemento, camiños veciñais, urbanización de vías públicas, obras de mellora da accesibilidade, investimentos en proxectos de mellora da eficiencia enerxética, acondicionamento dos espazos de usos múltiples nos centros educativos, execución de novas infraestruturas deportivas, investimentos en promoción turística, administración electrónica, investimentos en materia de medio ambiental e actuacións na área de normalización e comunicación.

“Inclúese unha nova iniciativa de orzamentos participativos para investimentos no rural que se financiará con fondos propios e que permitirá por primeira vez ao Concello de Ames utilizar esa ferramenta de participación activa da veciñanza e crear un espazo de construción colectiva. Así habilitouse unha partida neste orzamento para consolidar esta iniciativa de orzamentos participativos de cara o exercicio 2018. Ademais, por primeira vez asinouse un acordo coas asociacións do rural coas que se adquiriu un compromiso de reinvestimentos para os anos 2017, 2018 e 2019 das contías recadadas a través do proceso de regularización catastral. As tres grandes áreas de gasto deste Concello son a de benestar comunitario con 5.730.000 euros de crédito, en segundo lugar a área de educación á que se dedica 4.270.000 euros, e en terceiro lugar a área de servizos sociais que conta cunha partida que supera os 2.000.000 euros”, indicou Genma Otero.

“Con estes orzamentos este goberno tamén amosa que aposta pola recuperación dos servizos públicos e habilitouse crédito para o estudo da municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga. Estamos falando duns orzamentos equilibrados, que recolle a ampliación e consolidación dos servizos municipais, máis investimentos e axudas. Todo isto conséguese mantendo os impostos, taxas e prezos públicos, e mesmo baixando o tipo impositivo do IVE, que pasou do 0,5 ao 0,44, e incrementando as bonificacións. Dende este goberno estamos amosando que cunha xestión eficiente e eficaz si se pode facer política social para dar resposta ás necesidades da veciñanza amesá, rematou dicindo Otero”. Intervención dos voceiros dos grupos municipais da oposición
O primeiro en intervir por parte da oposición foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que manifestou “non atopo grandes diferencias neste orzamento respecto ao borrador do exercicio 2016 que finalmente non se levou adiante. Trátanse dunhas contas continuistas nas que se amosa que este goberno está falto de ideas. Non se aposta polo emprego xa que non existe unha partida específica para este eido. Ames necesita emprego e consolidar os postos xa creados. Ademais, rexeitáronse as propostas que presentei para sufragar o cota de autónomo de aqueles emprendedores/as que queren implantarse en Ames, o proxecto de redacción da piscina cuberta para O Milladoiro, a mellora e conservación da sinalización da rede viaria municipal, así como o pintado dos pasos de peóns da avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. Tampouco hai nin un só euro neste presuposto para solucionar o problema de tráfico que afecta a localidade do Milladoiro”. Por último, Javier López, indicou que se trata duns “orzamentos dun goberno acomplexado que é incapaz de plantexar tres grandes actuacións estratéxicas para este ano, nada vangardista e que non reflicten a realidade de Ames”.

De seguido foi a quenda do voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, que dixo “son uns presupostos que retrotraen Ames ao século XX. O noso concello terá o índice máis baixo de investimento da última década cun descenso do 18% e deixa ao rural na UVI grazas a imposición da esquerda máis radical”. Ademais, criticou o incremento no gasto do capítulo de persoal, que se dispara un 11,6%, o gasto de 12.000 euros na contratación dunha asistencia técnica para facer uns presupostos participativos, así como unha partida de 50.000 euros para unha asistencia técnica para o estudo da municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga. Argibay tamén indicou que “en dous anos foron incapaces de municipalizar ningún servizo e con esta partida de 50.000 euros non van ser capaces de municipalizar o ciclo integral da auga”. Por último, criticou a non apertura dos comedores escolares durante a época de verán, para paliar as necesidades dos nenos/as máis desfavorecidos, e maila escasa partida dedicada á área de mocidade.

Por outra banda, a voceira do grupo municipal Ames Novo, Pilar Candocia, agradeceu aos técnicos e ao persoal municipal o traballo realizado para a elaboración do devandito documento. Asemade, agradeceulle ao goberno “o cambio de paso realizado e por responder ante as necesidades da veciñanza. Para facer isto é preciso dispor de vontade e xenerosidade. Dende Ames Novo fixemos un exercicio de responsabilidade. Non pode pasar tanto tempo sen aprobar un novo orzamento e levamos co presuposto prorrogado dende o ano 2012. Iso impedía desenvolver novas políticas. Este non é o noso orzamento. Hai moitas cousas que non non faríamos así, pero sempre dixemos que tenderíamos a man para desenvolver unha nova política co fin de recuperar dereitos e servizos para os cidadáns. Cómpre destacar a proposta que fixemos para incluír neste orzamento a renda social municipal, a contratación dunha asistencia técnica para estudar a municipalización do servizo de saneamento e abastecemento de auga, así como a dotación dunha partida para realizar uns orzamentos verdadeiramente participativos de cara o vindeiro exercicio 2018. Por último, para nos tamén era importante que as axudas fosen en concorrencia competitiva e que o diñeiro recadado a través da regularización catastral se investise no rural. Só puxemos como condición que o goberno chegará a un acordo coas asociacións de veciños do rural”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, foi a encargada e pechar a quenda de intervencións. Agra destacou que “estamos ante unha proposta de orzamento na que non contaron cos grupos políticos de centro-dereita, o que manifesta un claro desprezo do Tripartito cara unha boa parte dos veciños e veciñas de Ames. Ademais, son uns orzamentos sectarios porque discriminan sobre todo aos veciños do rural e a determinadas entidades. Trátase duns orzamentos que reparten migallas en lugar de impulsar o rural e maila economía local para facer un gran concello con futuro”. A voceira do Partido Popular tamén dixo que “o rural segue sendo o gran discriminado da esquerda, ao que tan só se lle dedica unha partida de 132.000 euros, para 11 parroquias que hai no noso concello”, e aludiu a que “a suposta blindaxe dos servizos sociais é unha das últimas promesas que venden dende o goberno municipal pero despois non hai nada de nada”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925