Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Adxudícanse as...


Adxudícanse as obras de pavimentación no interior das aldeas da Mámoa e Barreiro pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido

[19-04-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación no interior das aldeas da Mámoa e Barreiro, pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido respectivamente. Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Ovidio SL por un importe de 36.281,43 euros. A través destas obras, que están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos de 2016 da Deputación provincial da Coruña, contémplase a mellora dos camiños interiores destes lugares do rural de Ames.

O proxecto aprobado en Xunta de Goberno Local recolle dúas obras. A primeira está destinada á pavimentación dos interiores da aldea da Mámoa. Deste xeito, dita actuación executarase nunha superficie total de 849,87 metros cadrados. Preténdese pavimentar este treito con quince centímetros de formigón, incluído mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición do pavimento existente. Contémplase así mesmo a mellora da capa de rodaxe de 364 metros cadrados con seis centímetros de aglomerado en quente. Finalmente, haberá que executar 133 metros de cuneta de seguridade, revestida de formigón e adaptar 42 pozos de rexistro e 18 arquetas con sumidoiro para que haxa un correcto drenaxe.

Por outra banda, a segunda obra que se recolle no devandito proxecto, levarase a cabo na aldea de Barreiro, onde se vai actuar nun treito de 245 metros de lonxitude por 3,50 metros de ancho, así como en 50 metros cadrados de abanico. Neste lugar preténdese mellorar a capa de rodaxe do camiño existente cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación das fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tamén está previsto a pavimentación dun trío de 115 metros cadrados de lonxitude e 3,20 metros de ancho con quince centímetros de formigón. Por último, contémplase a apertura de gabias e maila limpeza das salvagabias para que haxa un correcto drenaxe.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indicou que “este tipo de obras son importantes para continuar mellorando e acondicionando os camiños interiores existentes no rural de Ames, que son empregados diariamente polos veciños e veciñas que viven nestas aldeas, polo que deben estar en boas condicións”. Ademais, indicou que “a adxudicación desta obras atrasouse máis do agardado inicialmente debido a que a empresa que quedou no primeiro posto do proceso de licitación tivo que ser excluída do procedemento e optouse pola clasificada no segundo lugar”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925