Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A ONG Médicos...


A ONG Médicos do Mundo imparte mañá no Milladoiro unha xornada sobre o acceso á saúde para persoas inmigrantes

[18-04-2017] A organización “Médicos do mundo”, en colaboración co Concello de Ames, organiza este mércores, 19 de abril, entre as 10:30 e as 13:30 horas, unha xornada de formación para grupos de persoas inmigrantes que queiran traballar en rede para defender os seus dereitos. Os temas sobre os que tratará este curso son: “Acceso á saúde para persoas inmigrantes” e “Prevención da violencia machista”. A actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Defender os dereitos dos inmigrantes na sanidade pública e denunciar os abusos dos que en moitas ocasións é vítima este colectivo é un dos labores que realiza a organización “Médicos del Mundo” coa que o Concello de Ames leva traballando desde hai anos “O Concello colabora con Médicos del Mundo desde hai tempo e nesta ocasión trae a Ames unha xornada para que os/as inmigrantes coñezan os seus dereitos sanitarios e adquiran ferramentas para poder detectar e denunciar os posibles casos de vulneración aos que se ven sometidos”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, quen engade a importancia de que xunto con este tema se trate tamén a prevención da violencia machista.

Desde que entrou en vigor a nova Lei de Acceso á Sanidade a nivel estatal e a Xunta comezou tamén a aplicar novas medidas de recortes neste eido, o colectivo dos inmigrantes ten moitas máis dificultades para ser atendido na sanidade pública. A organización non gobernamental, Médicos del Mundo, atende pacientes aos que se lles nega o acceso á sanidade pública e denuncia estes casos. No informe que a organización anualmente presenta para dar a coñecer a vulneración á que está sometido este segmento de poboación, aparecen moitos casos da contorna de Santiago de Compostela á que pertence o Concello de Ames.

A xornada está financiada pola Dirección General de Migraciones e a Secretaria General de Inmigración y Emigración, dependentes do Ministerio de Empleo y Seguridad Social e pola Unión Europea a través do Dondo de Asilo, Migración e Integración. A actividade chega a Ames da man da organización Médicos del Mundo e impartirase coa colaboración do concello.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925