Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames conmemora o...


Ames conmemora o Día do Libro este sábado co acto de “Literatura na praza”

[18-04-2017] A praza do Concello de Ames acollerá este sábado, 22 de abril, a celebración do Día do Libro. Durante toda a tarde desenvolverase a iniciativa “Literatura na praza”, cun programa que inclúe máis dunha ducia de actividades en torno á presentación do libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames. Os actos comezarán ás 17:00 horas e inclúen propostas para todas as idades. Haberá exposición, venda, intercambio e solta de libros, música, teatro, monicreques, obradoiros e recitais poéticos. A festa prolongarase ata as 20:30 horas.

O Concello de Ames invita á veciñanza amesá a celebrar este sábado, 22 de abril, o Día do Libro. Para iso preparouse un amplo abano de actividades que se desenvolverán na praza do Concello, en Bertamiráns, ao longo de toda a tarde. A partir das 17:00 horas presentarase o libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame celebrado o ano pasado, tanto en prosa como en verso. Deste xeito, o público asistente a esta presentación terá a oportunidade de escoitar, na voz dos autores, os textos premiados nesa edición.

Simultaneamente, os máis cativos e cativas terán a oportunidade de participar nun obradoiro de medio ambiente para elaborar sales aromáticas de baño e cociña. A través desta actividade preténdese que os nenos e nenas coñezan o uso que se lle pode dar a diferentes plantas aromáticas. Dende as cinco da tarde, os rapaces e rapazas tamén poderán gozar do espectáculo teatral A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo, que trae a Ames a compañía Duende Sico. Este espectáculo, que se promove dende o departamento de dinamización lingüística da Deputación da Coruña, trata de fomentar o uso do galego entre a rapazada.

A partir das 18:00 horas, Carmen Domech, presentará Pastoreando Alegrías, un espectáculo de narración oral e monicreques. Esta actividade enmárcase dentro do programa Ler Conta Moito 2017 da Rede de Bibliotecas de Galicia. Á mesma hora, Hector Lorenzo, cantará os poemas musicados que inclúe no libro Cousas de papa e o grupo Palabras Vivas fará un recital poético, mentres os responsables de Duende Sico traballarán cos asistentes á festa que o desexen nun obradoiro de elaboración de marcapáxinas e decoración de axendas e lapis.

Actividades e permanentes e espectáculo de María Faltri
Ademais, durante toda a tarde, as librarías Nenos Nais; Boas e Novas; Pedreira; e Follas Novas exporán libros e farán descontos aos clientes que asistan a esta festa do libro. Asemade as bibliotecas municipais habilitarán un Recanto da lectura e proporán o intercambio de libros entre os asistentes. Por último, repetirán a xa tradicional Solta de libros, de xeito que a praza do Concello e a súa contorna encheranse de libros que poderán levarse para a casa aquelas persoas que os atopen.

A festa de Literatura na praza rematará co espectáculo de María Faltri que inclúe música, manipulación de libros, interacción co público, bailes e cancións. Trátase dun espectáculo familiar que chega da man da Deputación da Coruña. Unha proposta para comunicar cultura, divertir emitindo dende o galego unha programación con música, teatro e moitos libros.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que dende o goberno municipal se volve apostar un ano máis por esta festa que pon en valor a nosa literatura. “Trátase dunha festa organizada de forma transversal entre varios departamentos municipais, aos que lles hai que agradecer o seu traballo. De feito non sería o mesmo sen a colaboración das concellarías de Comunicación e Medio Ambiente que preparan obradoiros e a presentación do libro que edita o Concello cos gañadores do certame literario do ano pasado”. Santomil agradece tamén a presenza das librarías na praza e destaca “o reforzo do día que se fai este ano cun espectáculo de rúa que inclúe narración oral e monicreques”.

Reparto gratuíto de libros na praza da Maía
Por último, cómpre destacar que o sábado 22, ás 12:00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, está previsto un reparto gratuíto de 150 libros entre a veciñanza amesá para desenvolver a campaña de Libros para sermos libres, unha actividade organizada pola Deputación da Coruña, en colaboración do Concello de Ames, que se desenvolverá a mesma hora noutros concellos da provincia.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925