Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A...


A compañía Redrum Producións representa este venres en Bertamiráns o espectáculo “A nena que quería navegar”

[18-04-2017] A compañía Redrum Producións representa este venres, 21 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns o espectáculo "A nena que quería navegar". Trátase dun proxecto destinado a un público familiar, principalmente infantil de entre seis e doce anos. Nel trátase a temática do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”. As entradas para asistir a esta obra de teatro están dispoñibles na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. Pola mañá, ás 12:30h, haberá unha sesión escolar para o alumnado dos colexios amesáns.

A Concellaría de Educación e Cultura preparou unha ampla programación teatral para o primeiro semestre deste ano. Para este venres, 21 de abril, hai un novo espectáculo programado. Trátase da obra A nena que quería navegar, que está destinada a un público familiar, principalmente infantil de entre seis e doce anos. Nela, a través da comedia e da música, trátase o tema do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”.

Este espectáculo conta a historia de A Nena, unha rapaza que está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.

As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. A entrada xeral ten un prezo de catro euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan dous euros.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925