Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Preto de 1000 rapaces...


Preto de 1000 rapaces participaron no VI Torneo de Fútbol Base Ames Cup esta Semana Santa

[17-04-2017] O campo municipal de Bertamiráns acolleu esta Semana Santa a celebración da VI Ames Cup nas categorías pre-benxamín, benxamín e alevín. Preto de 1000 rapaces dos máis de 60 equipos que se deron cita en Ames participaron neste torneo de fútbol base, que se desenvolveu entre o xoves 13 e o sábado 15 de abril. Os rapaces do equipo A do Bertamiráns FC alzáronse coa copa nas categorías benxamín e alevín, mentres que os xogadores do CD Calasanz A facían o propio na categoría pre-benxamín, nun partido contra o Ural CF A que fixo as delicias do moito público que se deu cita nas bancadas. Ademais, entregáronse trofeos aos mellores xogadores de cada categoría.

Na mañá do xoves 13 os rapaces da categoría benxamín foron os encargados de abrir a VI Ames Cup. Pola mañá tiveron lugar os encontros da fase de grupo, seguida xa pola tarde dos partidos da fase eliminatoria. Os xogadores locais do equipo A do Bertamiráns FC venceron aos do equipo A da SD Dubra por 2 goles a 0, facéndose así coa copa. A final de consolación foi para o San Lorezo, que se impuxo ao Negreira por un claro 7-1. A organización decidiu este ano premiar ao mellor 8 ideal de cada categoría. Raúl Mosquera, do Bertamiráns FC A, foi nomeado mellor porteiro.

En defensa, mereceron mención especial o tamén xogador local Xián Piñeiro, ademais de Daniel Chas, do Ural. José Rei, do Amio SD, foi elixido mellor mediocentro. Como extremos, destacaron Diego Vázquez, do Bertamiráns, e Adrián de la Fuente, do San Lorenzo. O local Samuel Lemos foi distinguido como mellor dianteiro, mentres que Iker Gil, da SD Dubra, recibiu o premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador do torneo.

Á entrega de premios acudiron o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e Lucía Fanego, en representación do patrocinador desta edición da Ames Cup, Santa Lucía.

Categoría pre-benxamín

O venres 14 foron os xogadores da categoría pre-benxamín os que ocuparon o terreo de xogo. Pola mañá, do mesmo modo que fixeran o día anterior os seus compañeiros maiores, tiveron lugar os encontros da fase de grupos. Á tarde xogáronse os partidos de eliminatoria. O CD Calasanz e o Ural CF, ambos de A Coruña, disputaron a final da copa, mentres que o Negreira e as EEFB xogaron polo terceiro e o cuarto posto. Os rapaces do Calasanz proclamáronse campións tralo remate dun partido que se resolveu por un axustado 4-3, no que moitos dos presentes coinciden en sinalar como o mellor partido de todo o torneo. Os benxamíns da Estrada clasificáronse terceiros tras vencer ao Negreira por 4 goles a 2.
Desta volta foi Eduardo Riveiro, do Bertamiráns B, o elixido como o mellor porteiro do torneo. Mención especial tamén para os defensas David Rico (Bertamiráns A) e Hugo Fernández (Calasanz), o mediocentro Iago Vázquez (Ural), aos extremos Alejandro Capeáns (Bertamiráns A) e Sergio Míguez (Calasanz) e ao dianteiro Jorge Martínez (Ural). O premio especial Adrián Amboage ao mellor xogador nesta categoría foi para Pablo Ronquete, do CD Calasanz.

A esta xornada acudiron para entregar os premios o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, Lucía Fanego e o directivo de fútbol base do Bertamiráns FC, Abelardo Ríos.
Categoría alevín

O sábado 15 disputouse a última xornada desta edición da Ames Cup, que reuniu no campo municipal aos 24 equipos inscritos na categoría alevín. O Bertamiráns FC A alzouse coa copa de campión ao derrotar ao Xallas SC na final por un resultado de 3 a 0. Idéntico marcador foi o rexistrado na final de consolación, na que o Conxo se impuso ao Once Caballeros.

Catro xogadores do Bertamiráns FC A foron incluidos ao remate do torneo no 8 ideal da categoría alevín. Jairo Cantelar (defensa) Jaime Pan (extremo) e Jorge Rodríguez (dianteiro) uníronse na terna de premiados a Brais Martínez, que foi nomeado mellor xogador do torneo e recibiu o premio especial Adrián Amboage. Xunto aos locais, mereceron tamén o recoñecemento polo seu torneo o porteiro Pablo Calvo (Xallas), o defensa Iago Rey (Xallas), o mediocentro Pedro Rey (Conxo) e o extremo Adrián de la Fuente (San Lorenzo)
Ao igual que na categoría pre-benxamín, participaron da entrega de premios Blas García, Rafael Budiño, Lucía Fanego e Abelardo Ríos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925