Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O auditorio da Casa...


O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o primeiro pleno sobre o estado do Concello de Ames

[24-03-2017] Este xoves, 23 de marzo, celebrouse o primeiro pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello. Ademais, por primeira vez, realizouse un pleno aberto no Milladoiro. Interviron o alcalde, José Miñones, os voceiros/as dos grupos políticos que forman parte do goberno: David Santomil (BNG), Genma Otero (Contigo Pódese) e Blas García (PSdG), así como os voceiros/as do resto dos grupos con representación na corporación municipal: Oliva Agra (PP), Pilar Candocia (Ames Novo), Ramón García Argibay (Pacto x Ames) e o concelleiro non adscrito Javier López. Todos e todas fixeron balance dos preto de dous anos que leva gobernando o tripartito.

O rexedor municipal abriu o pleno dicindo que do acordo de investidura que “recollía un total de 21 puntos ou compromisos, hoxe podo dicir que o 80% destes acordos foron cumpridos e 3 dos 4 acordos pendentes están en proceso a piques de pecharse, como son a elaboración dos orzamentos que serán levados a pleno o próximo día 10 de abril, a posta en funcionamento do viveiro de empresas, que vai dotado orzamentariamente nestes presupostos e a aprobación dun código ético sobre o que se está a traballar e no que existe un borrador inicial”.

José Miñones destacou que “durante os 20 meses que levamos gobernando logramos reducir a débeda do Concello un 16,6% e mantivemos diversas reunións de traballo coa Xunta, FEGAMP e Deputación da Coruña para acadar diferentes obxectivos”. Deste xeito, destacou a creación do Observatorio Educativo que permitiu acadar un acordo coa Consellería de Educación por valor de 1 millón de euros para executar a ampliación do IES de Ames e do CEIP Agro do Muíño. Asemade, explicou que na actualidade estase negociando para conseguir os fondos necesarios para dispor dun novo centro educativo no Milladoiro e para levar a cabo a segunda fase de ampliación do IES de Ames”.

Outro dos acordos que destacou o alcalde foi a sinatura do convenio de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. “A Xunta xa realizou a solicitude da licenza de obra e en breve comezará o proceso de licitación desta infraestrutura tan necesaria para esta localidade. Así, este goberno conseguiu desbloquear un asunto que levaba anos pendente. Tamén destacou a posta en funcionamento de dúas novas infraestruturas moi demandadas, como son a nova potabilizadora e a escola infantil de Bertamiráns, así como a realización das xestións necesarias para conseguir os fondos necesarios para poder rehabilitar o cemiterio municipal que levaba catro anos parado.

Segundo dixo Miñones un dos eixes principais do programa deste goberno foi a aposta pola participación e a atención veciñal nas dependencias da Casa do Concello e das Oficinas xerais do Milladoiro. Tamén destacou os avances logrados no eido da transparencia coa posta en marcha dunha sección específica dentro da web municipal para a publicación de contratos, axenda, actas, etc, mentres que en materia de persoal o goberno conseguiu a aprobación da actualización da RPT, despois de conseguir un apoio maioritario dos representantes do Comité de empresa e da Xunta de persoal e de aprobala no pasado pleno ordinario de decembro.

Miñones tamén fixo balance das áreas de Servizos Sociais, onde destacou o incremento de horas do servizo de axuda no fogar (SAF) e mailo reforzo deste servizo grazas a incorporación dunha traballadora social para reforzar o servizo de inserción social e coa intención de contratar un novo traballador social este ano. No apartado de igualdade incidiu no traballo realizado polo Centro de Información á Muller (que atendeu a 266 mulleres, das cales 204 era a primeira vez que acudían a este centro, e realizou 300 atencións xurídicas e 139 atencións psicolóxicas) e maila creación da Mesa Local contra a Violencia Machista.

No apartado do emprego salientou o desenvolvemento do programa InserAmes, que contou con 60 novos participantes e cunha taxa de inserción do 42%, así como a aposta pola formación con dous novos programas (obradoiro de emprego Accede e o RenovAmes-Brión de garantía xuvenil) en colaboración coa Xunta de Galicia. Con estes programas empregouse a 44 persoas durante 6 meses que realizaron obras de mellora da accesibilidade, montaxe de equipamentos térmicos de biomasa e mantemento e aforro enerxético. No eido deportivo creouse o Consello de deportes como órgano participativo, e por primeira vez conseguiuse facer unhas novas bases de subvencións consensuadas cos clubs e asociacións. Ao longo deste ano executáranse novas obras para a mellora dos equipamentos deportivos e para a creación de novas instalacións deportivas por valor de preto de 240.000 euros. Intervención dos voceiros/as do grupo de goberno
O voceiro do BNG e concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que en menos de dous anos este goberno apostou pola colaboración institucional co tecido asociativo, coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, con lealdade, para solucionar moitos dos problemas que levaban anos pendentes de resolverse. “Como exemplo, o investimento na mellora de dotación e equipamentos educativos no IES do Milladoiro, IES de Ames, os CEIP Agro do Muíño e Barouta, a mellora da seguridade viaria na dársena do CEIP A Maía ou, no ámbito cultural contratouse a primeira reforma integral da Casa da Cultura de Bertamiráns”, explicou Santomil.

“Facemos un balance positivo dun goberno comprometido coa educación, a cultura e a lingua galega, ámbitos nos que o Bloque Nacionalista Galego demostra ter un proxecto político claro, tanto na oposición como agora, de novo, no goberno municipal. Recuperouse o diálogo coa comunidade educativa de Ames, mediante xuntanzas periódicas coas ANPAS, a elaboración dun mapa de necesidades educativas, a aprobación dun novo regulamento do Consello escolar municipal e a modificación das bases de subvención para adaptalas ás propostas das ANPAS. Incrementouse un 10% o número as prazas de comedores escolares municipais e implantouse o Entroido Lúdico, que incrementou un 30% o número de prazas este ano, en relación ao curso anterior. Ames segue a ser un referente na conciliación da vida laboral e familiar e na xestión directa dos comedores escolares”, dixo o concelleiro de Educación e Cultura.

No ámbito cultural explicou as melloras realizadas nos locais socioculturais das parroquias e nas Casas da Cultura, a implantación da plataforma de reserva A Billeteira, a recuperación do Millarock para as festas do Milladoiro, o impulso das Escolas Culturais de Teatro, Artes Plásticas e Baile, a creación dun novo modelo de programa de animación á lectura nas parroquias (no que actualmente participan máis de 100 familias entre Bugallido e Augapesada) e a renovación do fondo de literatura infantil e maila actualización diaria do catálogo de fondos das bibliotecas municipais.

En materia de Normalización lingüística déuselle un maior pulo a algunhas actividades como a celebración do Día de Rosalía de Castro ou aquelas organizadas cos equipos de normalización dos centros ou Mocidade (cartas de Nadal, Sementando Poemas, club de debate, certame radiofónico de teatro lido…). A nova actuación máis senlleira é a adhesión ao programa Apego, destinado a fomentar a transmisión do galego en familias con nenas/os de 0-6 anos. En relación á comunicación institucional adoptouse o dominio .gal. Para impulsar a radio municipal ampliouse a súa cobertura ao Milladoiro e outras zonas de sombra, aprobouse o novo regulamento da radio, recuperáronse os espazos políticos, así como o espazo “O goberno responde” e traballouse con todos os grupos na ordenanza de publicidade da radio. En relación coa web, conseguiuse poñer en marcha un portal de transparencia con medios propios.

De seguido interveu, a voceira de Contigo Pódese e concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que indicou que no vindeiro mes de abril se “aprobarán uns novos orzamentos para o 2017, onde se blinde a partida de servizos sociais integrando unha renda básica municipal e dotando dun crédito de 2.013.000 euros a área de Asistencia Social e Promoción Social. Nestes novos orzamentos introdúcese unha primeira experiencia de orzamentos participativos para actuacións no rural e apostando pola recuperación dos servizos públicos. Presentaremos uns orzamentos para o 2017 nos que se incrementa a cifra total de ingresos en 1.320.000 euros (un 6%) e a cifra de gastos en 1.827.000 euros (un 8,5% máis que o recollido no orzamento do 2012). O anteproxecto de orzamentos do 2017 presenta un forte incremento da cifra global do presuposto que acada preto dos 23.300.000 euros”.

Asemade, destacou o descenso no período medio de pago a provedores, que no cuarto trimestre do ano 2015 era de 86,11 días, moi por enriba do período legalmente establecido, e establecemos medidas para reducir dito período ata chegar a cifra de 14,77 días no cuarto trimestre de 2016, situándonos 15 días por debaixo do período legal de 30 días. Tamén salientou o traballo feito para baixar os intereses de préstamos a entidades bancarias (no ano 2014 pagáronse 164.013,66 euros, mentres que esta contía reduciuse ata pagar en 2016 tan só 44.346,56 euros). “A realidade é que nos orzamentos do 2012 dotouse un crédito de 296.000 euros para gastos financeiros e nos orzamentos do 2017 que imos presentar só dotamos crédito para esta partida de 45.000 euros (un 84,70% menos de intereses)”, indicou Genma Otero.

Sobre a débeda bancaria explicou que en xuño de 2015 era de 4.395.000 euros, amortizando durante este ano e 8 meses de mandato a cantidade de 1.100.000 euros e situándonos na actualidade na cifra de 3.295.000 euros (un 25% da débeda bancaria existente á nosa entrada). Outras medidas postas en marcha foron a redución da carga fiscal mantendo a porcentaxe do IBI no 0,44%; novas bonificacións no IBI; bonificación do 50% da taxa de saneamento, abastecemento e depuración para persoas que están en risco de exclusión cobrando a Risga; un sistema especial de pago voluntario do IBI en dous prazos; etc. Ademais, presentáronse dúas liquidacións e a aprobación de dúas contas, a do ano 2014 e do ano 2015, resultando esta última cun superávit de 1.789.000 euros e un remanente de tesourería de 3.300.000 euros, magnitudes que reflicten o bo estado que presentan as contas do Concello de Ames.

Na área de contratación, introducíronse novidades importantes nos pregos como as cláusulas sociais valorando nos pregos as cargas familiares, o tempo en desemprego e a diversidade funcional no caso da licitación da cafetería da Casa de Cultura do Milladoiro. Asemade, introducíronse cláusulas sociais de blindaxe do soldo dos monitores deportivos. Neste eido hai que salientar a licitación do ciclo integral da auga cambiando o modelo de xestión que vai permitir coñecer en profundidade dito servizo, así como a decisión de non prorrogar o contrato de Servigal de servizo de lacería para apostar polo sacrificio cero dos animais abandonados e conseguiuse un aforro de 165.255 euros nas baixas de licitacións (27%) e 975.000 euros nas baixas por adxudicación de obras (29%). Ademais, formalizáronse un total de 128 contratos menores por valor de 774.000 euros, dándolle cobertura contractual a moitos dos servizos que non a tiñan.

Na área de Medio Ambiente destacouse a posta en marcha de diversas campañas (recollida de excrementos, identificación para a implantación de microchip nos animais, a Tropa Verde Ames de reciclaxe) así como a posta en marcha do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais no que traballaron conxuntamente os técnicos de medio ambiente e de desenvolvemento local, a través dun proxecto piloto que se iniciou nos ámbitos 18 e 27 correspondentes á parroquia de Piñeiro. Na área de Mocidade fíxose unha clara aposta por reforzar a programación para a mocidade do concello. Incrementouse o número de actividades novas na área de mocidade e mailo número de usuarios/as directos pasando dun total de 320 usuarios no ano 2104, a 508 no ano 2015 e 570 no ano 2016.

O voceiro do PSdG e concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, comezou dando conta do traballo feito no departamento de Urbanismo no que tivo un contacto máis directo coa cidadanía e se procurou unha atención e unha información máis próxima co cidadán. “Neste período tivemos que afrontar un momento complicado como foi o do catastrazo, a regularización catastral feita polo goberno do Estado un proceso no que se viron afectados preto de 2.000 veciños e veciñas de ames. Por iso puxemos a disposición dos afectados os servizos técnicos municipais para prestarlles axuda e asesoría técnica. Ademais, puxéronse en marcha dúas campañas de sensibilización: unha para concienciar aos propietarios de parcelas da obriga de mantelas limpas, e outra para que solicitaran licenzas de obras e facelas dentro da legalidade”, explicou Blas García.

Nos Servizos Básicos, o goberno municipal traballou para resolver a situación de tres contratos moi importantes: o do servizo de limpeza viaria, o de recollida do lixo, e o do ciclo integral da auga. O contrato do servizo de limpeza modificouse para poder prorrogalo anualmente. No que respecta á recolleita de lixo, na actualidade estase nunha situación de prórroga á espera de coñecer os datos finais de saber o que custará o servizo se Ames entra a formar parte como socio de pleno dereito da Mancomunidade Serra do Barbanza. A maiores estase a estudar a posibilidade de realizar de maneira directa a recolleita e así llo trasladou o goberno á Mancomunidade. Polo que respecta ao Ciclo integral da auga está resultando un proceso de licitación complicado, que está a sufrir innumerables atrancos, pero que se agarda que se arranxe nas vindeiras semanas e se poida continuar co proceso de licitación.

Blas García engadiu “no que respecta aos investimentos destacar que desde que chegamos ao goberno a nosa prioridade foi a de realizar un plan de obras equilibrado entre os distintos núcleos e parroquias que conforman o noso concello. Para este goberno era e é prioritario dotar de saneamento a aqueles núcleos que non o teñen e por iso nestes dous anos destinamos máis de 1.000.000 euros a obras todas elas no rural. As obras realizadas na rede viaria suman máis de 700.000 euros, dos cales máis de 530.000 euros son investimentos no rural. A estas cantidades hai que sumarlle as que están proxectadas a través de diversos plans provinciais e fondos propios e que suman máis de 700.000 euros, pero non só investimos en pistas e estradas, senón tamén en alumeados nos que estamos buscando un aforro enerxético. Durante este ano a noso gran obxectivo é mellorar os parques infantís”. Intervencións dos voceiros/as da oposición
O primeiro en intervir por parte da oposición foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que lle deu un tirón e orellas ao goberno pola organización da festa de Reis e polo atraso na organización do acto de homenaxe ao cronista oficial de Ames, Maximino Viaño. Javier López, criticou a falta de xestión para resolver o gran problema que soporta O Milladoiro, polo que diariamente pasa unha gran cantidade de tráfico de vehículos e camións. “Este goberno responde por impulsos. Grazas a campaña que realizamos nós, pintáronse os pasos de peóns. Carece dun plan de obras para o rural e os núcleos urbanos, algo que me parece que é fundamental. Ademais, falta investimento para o rural que está provocando a despoboación das parroquias amesás. Tamén considero que faltan espazos verdes, zonas para a práctica deportiva e unha piscina cuberta na localidade do Milladoiro”.

A continuación interveu o voceiro do grupo municipal de Pacto x Ames, Ramón García Argibay, que explicou que dende o seu grupo fíxose unha oposición responsable presentando varias propostas para a inclusión de Ames na área de turismo de Santiago, á mellora da seguridade viaria na estrada que une Bertamiráns con Negreira, a entrega de títulos da parcelaría Biduído – Bugallido, mellora do servizo do transporte metropolitano, etc. Argibay criticou a falta de promoción do comercio; a falta de investimentos no rural e de políticas dirixidas á mocidade; a falta de xestión urbanística, xa que o PXOM está vendido dende o ano 2012; así como lembrou que as obras que se están realizando nos centros de ensino están sendo executadas pola Xunta de Galicia.

Ademais, salientou que o primeiro ano do goberno foi bo “doulle un aprobado alto, pero o segundo ano considero que foi moi deficiente, pasouse do consenso a impoñer e iso non pode ser”. Por último, dixo que o traballo feito polo seu grupo para que na sinalización viaria da AP-9 saían as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, así como o nome do concello de Ames, van dar os seus froitos despois de falar coa Valedora do pobo e co Defensor do pueblo. Segundo manifestou Argibay na nova cartelería, que se vai a colocar na AP-9 trala súa ampliación, van aparecer reflectidas estas localidades amesás.

A voceira de Ames Novo, Pilar Candocia, comezou a súa intervención dicindo “estamos no ecuador do mandato deste goberno e ten que haber un cambio de rumbo. Creo que o que vai cambiar ese cambio de rumbo vai a ser o novo orzamento que se vai aprobar no próximo mes de abril. Ten que servir para saber que concello queremos e que se vai facer nel. Ten que ser un instrumento para marcar diferenzas e comezar a traballar na liña da política de esquerdas. Ademais, é preciso un cambio de actitude para aprobar o regulamento de participación cidadá e para levar a cabo un orzamento verdadeiramente participativo de cara o exercicio 2018”. Candocia tamén dixo que había que apostar pola sustentabilidade e por implantar un servizo de transporte público que una os distintos núcleos de Ames así como Bertamiráns e O Milladoiro. Por último, adiantou que Ames Novo votará a favor da aprobación dos novos orzamentos de 2017 no pleno que está previsto que se realice o día 10 de abril.

A quenda de intervención dos voceiros e voceiras da oposición pechouna Oliva Agra por parte do Partido Popular. Agra tamén criticou a falta de investimento no rural xa que “do orzamento que dedica a Deputación da Coruña ao concello de Ames a través do POS+ tan só se dedica ao rural un 2,07% que son 32.317 euros. Se temos o plan complementario esa porcentaxe increméntanse ata o 9% pero parécenos claramente insuficiente”. Tamén criticou o funcionamento das bibliotecas municipais así como a falta de investimento en obras de saneamento. Por último, a voceira do grupo municipal popular dixo que a redución da débeda da que o goberno se gaba conseguiuse grazas ao plan de axuste aprobado polo goberno popular no mandato anterior.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925